Blanca Paz Muíños (texto e Fotos)
Ofrecer produtos de calidade e proximidade durante todo o ano é un dos obxectivos que se marca a Asociación Feiral Semana Verde de Galicia e que se potencia a partir deste mes de xaneiro coa incorporacón dunha nova marca á súa tenda, na que se poden atopar diferentes propostas gastronómicas delicatessen. Trátase de Queixos Quirpa, empresa especializada na elaboración de queixos venezolanos e que na actualidade realiza envíos a toda España. Ademais, conta con varios puntos de venta en Galicia e tamén en Portugal.

A chegada desta entidade ao local situado nas dependencias que utiliza a agrupación, en virtude ao convenio asinado coa Fundación, cristalizou coa sinatura do contrato por parte do responsable desta marca, José Antonio Simoes Eiras, e os responsables da entidade. Este acordo está en vigor desde o pasado 1 de decembro de 2024 e permanecerá vixente ata o vindeiro 30 de setembro de 2028. Queixos Quirpa é unha empresa plenamente consolidada na contorna do Deza e a queixaría de Silleda súmase ás instalacións que xa ten en Lalín. Tamén se poden atopar estes queixos na Coruña, Ourense ou Vigo.
O feito de poder contar con Queixos Quirpa supón para a entidade da comarca do Deza un plus moi importante á hora de continuar apostando pola promoción de produtos delicatessen e de primeira calidade. Isto súmase, amais, á aposta que fai a agrupación durante a celebración da Feira Abanca Semana Verde, onde proliferan as propostas de produtoras e produtores vencelladas a sectores como o alimentario ou o da cosmética. Aceite, mel, confetaría, té ou petiscos son algúns dos produtos de marcas de proximidade que tamén están dispoñibles na tenda da entidade ao longo dos doce meses do ano.
Pola súa banda, para Queixos Quirpa o feito de dispor dun espazo fixo nas dependencias silledenses supón unha estabilidade e unha garatía de futuro moi importante, ademais da visibilidade que supón poder ofertar diferentes tipos de queixos no local propio.
Neste preto de lustro de vida, os queixos venezolanos de Quirpa foron acadando cada vez máis relevancia no mercado. Proba da súa calidade é o recoñecemento obtido no ano 2022, cando a empresa recibiu o Cincho de Oro Cheese Awards en Zamora, premio acadado polo seu queixo telita de alta calidade.
O local destinado á queixaría forma parte das instalacións propiedade da Fundación Semana Verde de Galicia. Grazas ao convenio asinado coa entidade, a Asociación Feiral é concesionaria destas dependencias, sendo, asemade, a propietaria da maquinaria coa que está equipada.
A Asociación Feiral Semana Verde de Galicia é titular do correspondente rexistro sanitario para a fabricación, elaboración e transformación de queixos ou de soros láctores, outorgado polo Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos do Ministerio de Sanidade. A arrendadora cede a favor do arrendatario este rexistro sanitario.
Todas aquelas persoas que estean interesadas en adquirir máis información ou algún dos produtos que se poden atopar na tenda delicatessen da que dispón a entidade poden chamar ao número de teléfono 986581413. Tamén é posible facelo enviando un correo electrónico á dirección asociacionfeiral@afeiral.com. Entre as propostas atópanse mel, embutidos ou viños, entre moitas outras, alén dos queixos elaborados por Quirpa.
