Manuel López: “As granxas de Nudesa son as que teñen un maior relevo xeracional en toda Galicia”

Nudesa

Máis de 40 anos de experiencia avalan a ‘Manolo de Caldas’, tal e como o coñece todo mundo. A principios dos 80 Carlos Fondevila, fundador da empresa silledense, chamouno para formar parte do seu equipo. O xefe de ventas da firma referente no sector agrario, que conta actualmente con 6.000 clientes e máis dun cento de tendas de distribución en toda Galicia, fai un repaso a esta traxectoria e salienta os servizos  que ofrece Nudesa á súa clientela, así como os valores polos que se rexe, e que a levaron ao seu liderado no mercado: calidade, compromiso e honestidade.

Xefe de ventas de Nudesa
Xefe de ventas de Nudesa

Como foron os seus inicios en Nudesa?

Entrei hai 41 anos, con apenas 23. Daquela Nudesa xa era unha empresa forte no Deza. Existía unha necesidade de medrar en máis zonas e tiven a fortuna de atoparme con Carlos Fondevila, o xerente da entidade, que confiou nas miñas propostas para chegar a toda Galicia.

Como se conseguiu ese crecemento?

Apostamos por contar con vendedores que xa coñecesen o sector e se lles foi dando unha formación. Hoxe, case todos son técnicos especializados. Foi un reto rato, pero, grazas a iso, o 80% dos nosos clientes, que son preto de 6.000 en toda Galicia, seguen con nós e son xa parte da familia Nudesa.

Ata que punto foi importante a figura de Carlos Fondevila para vostede?

Falar de Nudesa é facelo de Carlos Fondevila. Foi e segue a ser un líder, cuns valores que nos transmitiu desde o primeiro ano e que a día de hoxe seguen vixentes, como son a calidade, o compromiso coa nosa clientela e a honestidade. Con eses valores e a súa ética de traballo foi quen de acadar a fidelidade dos e das traballadoras da empresa e da clientela. Non lle podo estar máis agradecido, posto que foi quen me axudou a realizarme a nivel profesional a persoal.

Que servizos ofrece Nudesa aos clientes? 

Contamos cun equipo de veterinarios que está pendente de problemas sanitarios e que axudan en materia de prevención e actualización sobre benestar animal. Ademais, temos enxeñeiros para asesorar en materia de mellora e eficiencia nas instalacións, un laboratorio e un equipo de comerciais no que apoiamos aos clientes en calquera cousa que poidan precisar, desde axudarlles a comercializar os seus productos  a resolver problemas do día a día.

Como ve o futuro do sector gandeiro en Galicia?

Será básico acadar un equilibro entre a tradición e a modernización, a sostenibilidade, a innovación tecnolóxica e a adaptación ao cambio climático. Esta contorna ten o potencial suficiente para manter o seu liderado, pero vai ser necesario afrontar novos enfoques para adaptarse aos retos do futuro. Ademais, a preocupación polo benestar animal impulsará o desenvolvemento de prácticas máis humanas, con máis espazo para o gando e sistema de alimentación máis naturais, reducindo o uso de antibióticos.

 

Unha cuestión importante sobre o futuro da gandaría ten que ver co relevo xeracional.

Si. A gandaría en Galicia é máis ca unha actividade ecónomica. É unha parte fundamental da nosa tradición rural e da nosa cultura. Sen ela, perderíase unha parte importante da nosa identidade. Por iso, o relevo é fundamental para asegurar a continuidade e a competitivdade do sector.

De que xeito se implica Nudesa para garantir esa continuidade?

Apoiamos aos gandeiros a acadar un sector máis moderno, sostible e competitivo. Podemos afirmar que as nosas granxas son as que maior relevo xeracional teñen en toda Galicia.

Como animaría á xente moza para que emprenda no medio rural?

Emprender supón formar parte dun legado que se transmite de xeración en xeración. O medio rural galego está cheo de oportunidades para innovar e crear proxectos sostibles, sen esquecer a súa esencia tradicional. Desde logo, os emprendedores poden contar con que a nosa empresa os acompañará en cada paso do camiño.

Deixa unha resposta