Entre Belesar e Líncora pode ollarse un treito orixinal da antiga vía que transcorre entre os viñedos da Ribeira Sacra lucense
Daniel González Alén

O Camiño de Inverno de peregrinación a Compostela, recoñecido oficialmente no ano 2016, atravesa o concello de Chantada dende o río Miño, que nestas terras e nas veciñas das provincia de Lugo e Ourense conforma a Ribeira Sacra, para subir ata a Serra do Faro, que preside o célebre santuario mariano da Nosa Señora a máis de mil metros de altitude, cumio e miradoiro da Galicia central.
Das etapas que percorre o seu trazado dende o inicio en Ponferrada, onde deriva do Camiño Francés, o Camiño de Inverno transcorre na actualidade en moi contadas ocasións por unha antiga vía romana construída nos primeiros séculos da era cristiá, como é o caso do popularmente coñecido como “Camiño lousado dos codos de Belesar”, onde aínda se conservan algúns tramos da vella calzada, que ficaron fóra do trazado do ensanche das modernas estradas e autovías. A través deste itinerario secular, que vai desde a localidade de Belesar, a orelas do Miño que lle dá nome ao grande encoro existente augas arriba, o Camiño de Inverno sobe por un terreo quebrado entre valados e socalcos repletos de viñedos da denominación Ribeira Sacra, ata a igrexa de San Pedro de Líncora, dende onde xa se divisa a vila de Chantada no horizonte.


A calzada romana ao descuberto
Neste tramo de camiño salvouse milagrosamente un treito da histórica calzada cando se construíu a estrada actual nos anos vinte do pasado século, unha estrada que transcorre en boa parte sobre o trazado da antiga vía romana, ficando as pedras daquela baixo o asfalto, agás un pequeno tramo duns cincocentos metros, que arrinca mesmo na nova ponte de Belesar, feita canda o encoro e que veu a substituír a outra medieval de varios ollos de medio punto e oxivais, da que deixa testemuña un vello peto de ánimas dedicado a San Bartolomeu.
Recentes labores de acondicionamento neste tramo do Camiño de Inverno que en tempos remotos foi vía romana, deixaron ao descuberto as pedras que formaban o lousado da antiga calzada, e unha prospección arqueolóxica deu como resultado o achado dunha insignia de metal coa feitura dunha vieira que debeu pertencer á indumentaria dun peregrino medieval que por esta ruta ía a Compostela. Da presenza romana neste enclave deixou constancia a desaparecida ara romana dedicada aos “lares viais”, deuses protectores dos camiños, que facía de pía de auga bendita da antiga igrexa e que foi cambiada de emprazamento cando a construción do encoro de Belesar.

Grande potencial turístico
Nas beiras dos escasos tres quilómetros desta calzada romana de Belesar a Líncora, que agora é Camiño de Inverno a Compostela, abondan as mostras de interesantes monumentos e da arte civil, relixiosa e popular, xurdindo nos últimos tempos varios establecementos dedicados a adegas e a hostalería, así como algúns miradoiros públicos, que ofrecen impresionantes vistas sobre a bocarribeiras do Miño entre Chantada e O Saviñao. A adega Vía Romana ten aquí unhas instalacións para catar os seus acreditados viños da denominación Ribeira Sacra, o mesmo que a Adega do Veiga, con mesón e pensión rural, ambos no lugar da Ermida. Establecementos dedicados a Vivendas de Uso Turístico (VUT), son Apedeceo, Os Queixeiros Rural House e Os Segredos dos Queixeiros, no lugar deste nome, e camiño arriba atópanse Casa Vistaboa, a Casa Fondo da Vila ou A Lagariña, preto de miradoiro de Líncora, e non lonxe desta vía ancestral atópanse as adegas Alouviño, Torres Bendaña e Dona Paca, que poden e merecen ser visitadas.
O recoñecemento do Camiño de Inverno de peregrinación a Compostela, hai agora oito anos, e o agardado de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra, han contribuír a potenciar o turismo como un dos piares económicos destas terras de Chantada, que ofrecen numerosos recursos históricos, monumentais, gastronómicos e paisaxísticos que ben paga a pena visitar.