Concello de Dozón

O Concello de Dozón, cunha superficie de 74,10 quilómetros cadrados e unha poboación lixeiramente inferior ao milleiro de habitantes, é o municipio máis pequeno da Comarca de Deza e o segundo menos poboado da provincia de Pontevedra. Estas dimensións non impiden que Dozón sexa na actualidade un dos mellores expoñentes dunha Galicia rural viva, eminentemente agrogandeira, que conxuga o aproveitamento do sector primario cunha riqueza turística estruturada en catro grandes eixos: a natureza, o patrimonio, a gastronomía e o Camiño de Santiago.
Situado nas terras altas do val do río Deza, na vertente oeste da Dorsal Occidental Galega, nos contrafortes da serra do Faro e dos montes do Testeiro, Dozón é un dos concellos máis montañosos da provincia de Pontevedra, cunha altitude media superior aos 740 metros e coa Pena de Francia (940 metros) como punto máis elevado. Estas paisaxes montañosas con frondosos bosques autóctonos entrelázanse con amplas extensións de pastos nun ecosistema no que o río Deza e os seus afluentes son auténticos protagonistas. A riqueza natural e paisaxística de Dozón fai que lugares como a área recreativa da Pena de Francia ou a contorna da praia fluvial de Sanguiñedo sexan visitas obrigadas.
Un patrimonio que respira historia
Un percorrido polas oito parroquias de Dozón permite contemplar tamén a riqueza do seu patrimonio cultural e histórico, sendo a súa xoia máis destacada o Mosteiro de San Pedro de Vilanova, un templo beneditino do románico tardío, fundado no ano 1154 pola señora feudal Guntroda Suárez, viúva de Pelayo Martínez. Non menos atractivas e interesantes resultan as igrexas, como a de Santa María de Dozón; as capelas, como a da Virxe da Pena de Francia; os cruceiros, os petos de ánimas e os pazos, que evocan o pasado fidalgo da comarca. Tamén os castros, as mámoas e os petróglifos que salpican as terras de Dozón son testemuñas da presenza humana nestas latitudes desde tempos prehistóricos.

O sabor da tradición
Que Dozón é unha terra de tradicións resulta evidente tamén no eido gastronómico. A celebración da Feira da Gouxa, os días 11 e 23 de cada mes na parroquia de Santa María de Bidueiros, non só responde a fins económicos e comerciais herdados da época medieval, senón que constitúe unha excelente oportunidade para degustar manxares tradicionais como a carne ao caldeiro, o polbo á feira e produtos locais frescos, como queixos, embutidos ou pan artesanal. O outro gran referente gastronómico de Dozón é a Festa da Carne ao Caldeiro e Bola con Torresmos, que se celebra o primeiro domingo do mes de xuño no recinto feiral da Gouxa.
O Camiño, desde Cea e Oseira cara Lalín
Por último, o Camiño de Santiago atrae cada ano a centos de peregrinos que, procedentes do sur, seguen a denominada Vía da Prata ou Camiño Mozárabe. Ben sexa entrando desde Piñor de Cea (variante de Amear) ou desde Oseira (variante da Gouxa), o Camiño de Santiago ofrece aos peregrinos ao seu paso por Dozón non só unha experiencia espiritual, senón tamén a oportunidade de gozar da esencia da Galicia rural, co seu equilibrio entre pasado e presente, entre tradición e modernidade, antes de afrontar os 64 quilómetros finais para chegar a Compostela.


