A Asociación Feiral encara os 50 anos

O paso a internacional e a creación da Fundación

Blanca Paz Muíños

No anterior número deste boletín iniciamos unha serie de reportaxes para repasar o medio século de vida que a Asociación Feiral Semana Verde está a piques de facer. Retomamos a liña temporal onde a deixamos na publicación do pasado maio no ano 1990, chave para o colectivo por canto supuxo o inicio da súa grande expansión: a internacionalización.

Xa en 1988, a entón Secretaría de Estado de Comercio, a través do Instituto de Comercio Exterior, recoñecera á Semana Verde a súa condición como Feira Internacional. Corría a edición número 11, na que estiveron presentes 24 países. Aquela cita significou a demostración palpable de que a actividade feiral de Silleda se estaba abrindo á relación con outros recintos para a comercialización dos sectores gandeiros, agrícolas e alimentarios. Naquel certame estiveron presentes varios representantes diplomáticos estranxeiros, así como o embaixador dos Países Baixos, C.H. Plug, que participou na inauguración xunto ao daquela presidente da Xunta, Fernando González Laxe.

É este un aspecto que recolle de primeira man quen traballou directamente neste camiño de apertura de fronteiras, como operario da entidade e como membro da directiva da Asociación, o silledense José Ramón Castro Frade, no seu libro ‘Feirear’.

Silleda era o gran escaparate dunha Galicia que ofrecía “despensa de produto de excelente calidade”, recoñe Castro Frade na súa publicación. “O proceso de internacionalización foi tamén unha apertura e posta de longo para enriquecerse logo noutros campos que habían vir máis adiante, como o alimentario ou o turístico”, o que, posteriormente, deu lugar a feiras sectoriais en ambos os casos, entre outras.

Constitucion da Fundación (1991)
Constitucion da Fundación (1991)

O eixo Berlín-Silleda

Naquel mesmo ano, o 29 de xullo, a Semana Verde participou como convidada de honra na Feira de Libramont (Bélxica), na que amosaron os seus produtos varias empresas galegas do sector agroalimentario. Sete meses depois, o 1 de febrero, o presidente autonómico e o seu homónimo da Semana Verde visitaron a feira de Berlín, emblema mundial, para presentar o certame trasdezao aos empresarios agroalimentarios do país.

Alí, González Laxe referiuse por primeira vez ao termo “eixo Berlín-Silleda”. Segundo recolle o libro “25 años. Feria Internacional Semana Verde de Galicia”, editado pola Asociación Feiral Semana Verde de Galicia, foi unha “expresión que fixera fortuna nos medios de comunicación”.

 “En torno a dito eixe podería terminar xirando, dalgunha forma, a política agraria europea”, que se estaba forxando e que condicionou o devir do sector.  España formaba parte dende había tres anos da Comunidade Económica Europea e, nun mundo cada vez máis globalizado, o mercado da oferta e da demanda dos produtos agroalimentarios nada tiña que ver co tradicional que ata daquela se viña desenvolvendo.

A Asociación Feiral soubo adaptarse e avanzou a pasos axigantados na súa apertura internacional. Ese mesmo ano, presidente e directivos visitaron tamén a feira agropecuaria inglesa Royal Show, que, xunto co de Berlín, era outro certame insignia.

Outro ente xurídico

O acordo protocolario de constitución da Fundación Semana Verde de Galicia, o 15 de xaneiro de 1991, marca unha nova etapa. Este novo réxime xurídico adoptado para xestionar a actividade feiral foi froito dun traballo previo conxunto entre Asociación Feiral e Xunta de Galicia, sen esquecer que, uns meses antes, o goberno autonómico anunciara o compromiso de investimento de 1.000 millóns de pesetas para ampliar as instalación feirais.

Constituise, así, un órgano reitor, integrado polos presidentes da Deputación, da Cámara de Comercio de Pontevedra, e da Asociación Feiral, César Mera, Eladio Portela e José Maril, respectivamente, ademais do alcalde de Silleda, Juan Salgueiro, sendo presidente da honra o titular da Xunta de Galicia, Manuel Fraga.

O 16 de marzo de 1991 o acordo fundacional foi elevado a escritura pública. Acto seguido, o padroado anunciou a súa decisión de construír un novo recinto feiral en Silleda. O padroado quedou composto por doce membros: cinco da Asociación Feiral, catro da Xunta de Galicia, un da Deputación, un da Cámara de Comercio e un do Concello de Silleda. Como presidente foi nomeado o da Xunta de Galicia, como presidente executivo, o da Asociación Feiral. Este último, José Maril, presentou ao padroado o plan de actuación proxectado para os próximos catro anos, que prevía un investimento duns 5.500 millóns de pesetas.

Entrada Feira Internacional (1991)
Entrada Feira Internacional (1991)

Axuda pública

Tres meses despois, a Asociación Feiral aprobou en asemblea extraordinaria un cambio nos seus estatutos para outorgar ao seu presidente unha permanencia dun lustro no cargo, co fin de que puidese desenvolver o mencionado plan estratéxico ata o ano 1995. Naquela etapa Manuel Mosquera fora tamén ratificado como secretario do colectivo.

Houbo que agardar apenas tres meses para que o presidente da Xunta voltase a Silleda para presidir unha nova reunión do Padroado da Fundación Semana Verde de Galicia, que naquel momento avanzaba na redacción das bases do concurso de adxudicación das obras do novo recinto feiral, cun orzamento na súa primeira fase de 5.345 millóns de pesetas.

A promoción do sector agrogandeiro e de calquera actividade relacionada co mesmo, así como o apoio ao desenvolvemento doutras áreas económicas, comerciais e sociais de Galicia quedaron fixadas nos estatutos da Fundación como obxectivos primordiais, así como respaldar as actuacións promovidas pola Asociación Feiral Semana Verde e todas aquelas impulsadas dende o recinto, isto é: as feiras sectoriais, coa Semana Verde como bandeira, ou a lonxa de contratación, entre as outras moitas actividades que se desenvolveron no epicentro silledense.

E entrementres, a Semana Verde continuaba consolidando a súa proxección internacional. Precisamente, na edición de 1991, o número de expositores estranxeiros superou os galegos por primeira vez na historia da feira. Dos case mil presentes, unha terceira parte eran foráneos.

Deixa unha resposta