Fundación Roberto Rivas
Unha das liñas de traballo da Fundación Roberto Rivas é a dinamización das comunidades locais, especialmente en comarcas do interior de Galicia que son as que sofren, en xeral, esa tendencia de perda de poboación nunha maior medida, e que constitúen a nosa prioridade.
Dinamizar consiste en levar a cabo accións, actividades, intervencións individuais ou grupais, tendentes a mobilizar as persoas participantes cara ao logro dun fin común. O fin común compartido con moitas das iniciativas públicas e privadas coas que colaboramos, é o de xerar oportunidades de todo tipo: económicas, de emprego, de vivenda, pero tamén sociais e culturais.
Cremos que ésta é a maneira en que lograremos esas comunidades rurais que desexamos: comunidades cohesionadas e conectadas, innovadoras e orgullosas das súas raíces e abertas ao mundo, que ofrezan oportunidades para as persoas e que estas exerzan unha cidadanía responsable, participativa e implicada co desenvolvemento sostible da súa contorna.
A Fundación Roberto Rivas puxo en marcha diferentes iniciativas neste sentido entre elas destacamos a xeración dunha Comunidade Emprendedora Rural ao longo destes cinco últimos anos de actividade. Comunidade DO Territorio, que así a denominamos, está composta por persoas emprendedoras pero tamén por profesionais que colaboraron connosco, tamén por entidades públicas e privadas e empresas de cada unha das comarcas nas que traballamos e que se comprometen con ese territorio cun propósito que os move: ter un impacto positivo na súa contorna.
Tecido social
Algo prioritario para a dinamización dun territorio é contar co tecido social xa existente en cada zona. Así, implicámonos con diferentes entidades sociais da Comarca do Deza e de Tabeirós-Terra de Montes como son a Asociación Feiral Semana Verde, ECOS Asociación de Comercio Local de Silleda, Mulleres da Estrada, Asociación Festa da Empanada da Bandeira; neste sentido, animámosvos a participar da vida asociativa da vosa zona.
Para todas estas entidades sociais e para todas aquelas iniciativas sen ánimo de lucro que o soliciten abrimos o noso espazo da Moda Rural Lab en Silleda para a celebración de reunións ou de actividades para “ruralizar” os seus eventos e reconectar coa contorna rural.
Tamén a través da colaboración público-privada se pode dinamizar; e neste caso referímonos á colaboración co Concello de Silleda á hora de activar e dinamizar o Viveiro de Empresas Municipal de Silleda, situado no Polígono Empresarial Área 33. Este espazo supón unha oportunidade para aquelas iniciativas emprendedoras que se queiran instalar na contorna do Deza.
Dirixido a empresas de nova ou recente creación, ou en proceso de constitución, a empresas xa constituídas así como fundacións, asociacións, federacións, agrupacións industriais ou calquera outra entidade de base asociativa de carácter empresarial. Máis info en https://silleda.es/viveiro-municipal-de-empresas-de-area-33/ e en emprego@silleda.es
En definitiva, a implicación dos habitantes do medio rural no desenvolvemento dos seus territorios e na proposta de iniciativas sociais e empresariais é clave para a construción e pervivencia dun medio rural vivo e dinámico, e esta tarefa correspóndenos a todos e todas.