Arzúa aúna natureza, historia e patrimonio na Senda das Corredoiras

Javi Casal

Houbo unha época na que as corredoiras non só formaban parte da paisaxe habitual do rural de Galicia, senón que tamén eran moi prezadas polo servizo que prestaban. Moitas décadas atrás, foron o principal punto de conexión campo a través, atravesando soutos, hortas e pradeiras, a través das cales a xente chegaba ás súas propiedades para realizar os pertinentes labores gandeiros e de coidado das súas terras.

Co paso do tempo, estas zonas de tránsito fóronse perdendo de xeito paulatino. Por iso, cobra especial relevancia o proxecto impulsado polo Concello de Arzúa, a través da Concellería de Turismo, para recuperar a Senda das Corredoiras, un roteiro circular de algo máis de 15 quilómetros de extensión que permite coñecer boa parte desas corredoiras que tan importantes resultaron para varias xeracións de arzuans no pasado. Natureza, patrimonio e historia mistúranse neste espazo, que atravesa a parroquia de Pantiñobre, e que ofrece numerosos atractivos tanto para os e as amantes do sendeirismo como para todas aquelas persoas que desexen coñecer parte da historia e dos recursos etnográficos e patrimoniais de Arzúa.

Os traballos de posta a punto da Senda das Corredoiras finalizaron con éxito a finais do pasado mes de marzo. Esta actuación supuxo a recuperación duns 3.600 metros, aproximadamente, desas antigas zonas de paso, polas que os veciños e veciñas transitaron ata ben entrado o século XX, xa fose a pé ou en carros. A pesares de que moitos tramos permaneceron ocultos baixo a maleza, o certo é que, en liñas xerais, a rede resistiu moi ben o paso de tempo e os cambios da acción humana no que á construción de novas infraestruturas se refire.

O sendeiro está debidamente sinalizado

Un percorrido peculiar

Tal e como se especifica nos folletos informativos elaborados polo Concello, o inicio e final desta senda circular emprázase na Praza de Arzúa. O tempo aproximado para completar os 15,1 quilómetros do roteiro é de catro horas e media, aproximadamente, que varía en función do ritmo dos e das usuarias. Maila que a Senda das Corredoiras pódese realizar en ambos sentidos, desde a Concellería de Turismo recoméndase completala de xeito contrario ás agullas do reloxo. Seguindo esta suxestión, o ideal sería tomar o tramo do Camiño Francés que leva a Santiago de Compostela, para voltar polo Camiño Real (a actual estrada AC-905).

Ao longo do sendeiro pódense atopar numerosos puntos de interese como o Camiño dos Frades, a capela de Santa Marta, a de San Bieito ou a pontella do Rego Carracedo. Pero, sobre todo, está o gran aliciente de poder percorrer as corredoiras franqueadas por carballos centenarios. Tal e como explica a concelleira de Turismo, Begoña Balado, o Sendeiro das Corredoiras “é probablemente o único de toda Galicia que permite percorrer estes camiños que tan cheos de vida estiveron durante moitas décadas”. Balado tamén confirma, asemade, que o Concello está a traballar nas xestións para que esta senda pase a estar homologada oficialmente.

Sinalización con códigos QR

Xa desde a Praza de Arzúa as persoas que se animen a cubrir o Sendeiro das Corredoiras poden informarse sobre as peculiaridades e as características do trazado e da súa historia, grazas aos paneis habilitados pola Concellería de Turismo, que tamén se poden atopar en diferentes emprazamentos ao longo de todo o itinerario. Ademais, tal e como explica a titular de Turismo, estes soportes contan cun dispositivo QR, o que permite consultar datos de interese sobre a senda nos teléfonos móviles en calqueira intre.

Outro punto a favor do roteiro é a facilidade coa que se pode completar, sen apenas desniveis, polo que supón un lugar ideal para gozar dunha xornada en familia. Ademais, tamén conta coas súas corresponentes áreas de descanso e mobiliario de madeira, en perfecta harmonía coa contorna.

Un tramo da senda das Corredoiras

Turismo de natureza

Con iniciativas como a recuperación integral do Sendeiro das Corredoiras, o Concello de Arzúa continúa dando pasos de cara a consolidar o turismo de natureza como un dos grandes atractivos do municipio. “Temos claro que o paso do Camiño Francés é importante, pero tamén que aquí contamos con moitos máis recursos para atraer a visitantes”, sinala Begoña Balado, que recorda que precisamente este foi un dos puntos nos que se baseou a campaña promocional que o Goberno municipal realizou na última edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), a principios deste 2024. “Arzúa conta con moitas razóns polas que voltar cando un a visita por primeira vez, como son os seus recursos naturais e a súa gastronómia”, resalta a titular desta área.

A posta a punto do Sendeiro das Corredoiras pasa a ser outro punto de interese para os e as amantes do sendeirismo e do deporte, como xa o é tamén a senda da Fervenza das Hortas. Este é un espazo no que o Concello tamén está a acometer tarefas de mellora e renovación de sinalización, tal e como recorda a propia concelleira de Turismo.

Deixa unha resposta