Javi Casal
As viaxes no tempo en Monforte de Lemos poden máis ca unha meteoroloxía adversa. Este feito volveu quedar patente durante a Feira Medieval de 2024, celebrada na última fin de semana do pasado mes de marzo. A pesar do frío e da choiva, a cita, que chegou ás dúas décadas de vida, resultou todo un éxito. Así o corrobora o alcalde monfortino, José Tomé, que sinala que “a participación foi masiva e rotunda. Temos que dar as grazas tanto aos veciños e veciñas como ás numerosas persoas que se achegaron ata a vila. Foi unha edición espectacular”, engadiu.
A programación non se viu apenas alterada polo mal tempo. Se ben é certo que, especialmente durante o sábado 30, as precipitacións resultaron moi intensas, puideron máis as ganas da xente de ‘viaxar’ ao medievo e gozar da que xa leva tempo sendo unha das citas de lecer de máis relevancia de Galicia na Semana Santa. O Concello apostou forte á hora de poñer en marcha esta vixésima edición da feira, que contou cun total de 135 postos de venda, o que supón un tope histórico. O investimento para o desenvolvemento do ambicioso programa contou cun orzamento que practicamente alcanzou os 100.000 euros, o que se traduce nun incremento do 143% por cento con respecto a 2023 (daquela fora de algo máis de 41.000 euros).
Co gallo destes 20 anos de celebración, o Concello de Monforte de Lemos apostou por desenvolver unha programación con varias novidades. Unha delas foi o paseo protagonizado por dous elefantes de grandes dimensións, manexados por catro especialistas para garantir a coordinación nos movementos da espectacular figura. Estes elementos foron acompañados por un grupo de músicos e bailaríns para abrir paso polas rúas, tanto o sábado como o domingo. Ademais, o mal tempo respectou outros dous eventos que se incluían por primeira vez na feira, como foron o espectáculo A Lenda das Meigas, celebrado na Praza Luis de Góngora o sábado pola noite, e as acrobacias a cargo de Ianna, o domingo. Amais a música foi protagonista grazas á actuación ofrecida polo grupo medieval Grimorium na Praza de España. Os eixos medievais volveron ser os pregoeiros e a sala de artillaría, réplica dunha bombarda do século XIV, que xa leva formando parte do programa desde hai máis dun lustro. O Campamento Medieval, as actividades pensadas para as crianzas, o torneo ou os espectáculos nocturnos encheron de colorido e actividade o centro de Monforte de Lemos durante 48 horas máxicas, nas que voltar ao pasado foi unha realidade.
Interese Turístico
Lonxe de conformarse, o Concello de Monforte de Lemos xa pensa na maneira de continuar consolidando e facendo medrar a súa Feira Medieval, motivo de orgullo tanto para a propia Administración local como para a veciñanza. Neste sentido, o alcalde deixou claro que o obxectivo de cara á edición de 2025 pasa por acadar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego, que deberá ser outorgada por parte da Xunta de Galicia. A celebración xa conta coa antigüidade suficiente para poder optar a esta distinción, polo que O Goberno local está a traballar na tramitación para facer realidade este nomeamento.
O rexedor monfortino salienta tamén a dinamización económica que provoca a Feira Medieval, a cal permitiu que os índices de ocupación hoteleira durante esas datas resultasen moi elevados, nun contexto moi condicionado polas adversas condicións meteorolóxicas.