Manuel Figueiras F.
Entre o rico patrimonio cultural de Chantada destaca a presenza da arte románica. Segundo a excelente Guía das igrexas románicas da Ribeira Sacra, de Xosé Antonio Quiroga, Chantada é o concello que mantén máis igrexas románicas, dez en total, ás que podemos engadir cinco que conservan importantes elementos románicos logo de reformas diversas. Se ademais consideramos a comarca, cos concellos de Taboada e Carballedo, temos un total de trinta edificios relixiosos que son, no seu conxunto, a expresión dun románico rural nas súas diferentes etapas, dende as primeiras pegadas prerrománicas ata o apoxeo do estilo que tivo en Compostela o seu centro de irradiación e no Mestre Mateo o referente artístico, dende mediados do século XI até ben entrado o XIII.
Para coñecer esta riqueza podemos acudir ás guías de Máis que románico –que nos facilitarán o acceso ao interior dos templos-, seguir as informacións da web municipal de turismo ou mesmo afondar no coñecemento deste tesouro co exhaustivo estudo Simboloxía do Románico de Chantada, de Xosé Lois García. Estes dous últimos propoñen facer as visitas organizadas en tres rutas:
Ruta da Ribeira ou Ruta do Miño
Pode comezar na igrexa de Santa María de Pesqueiras, datada no ano 1220, aínda que consta a reforma dun templo anterior cen anos antes. Xunto a el habería un mosteiro de monxas beneditinas do que se conserva abundante documentación. A súa fachada foi reconstruída con posterioridade. Destacan as fiestras rodeadas por arcos de medio punto e a porta sur, coa rica decoración das súas arquivoltas, ademais de canzorros varios. No interior sobresaen as pinturas murais da ábsida datadas no século XVI, nas que se representa a Anunciación, a Resurrección de Cristo e o Xuízo Final.
Volvendo á vila, nas súas proximidades está San Salvador de Asma, o “convento”, un mosteiro fundado a finais do século IX como cenobio dúplice familiar. A igrexa románica actual, que no muro norte conserva parte dunha fiestra prerrománica, data do século XII, con diversas reformas posteriores, entre elas a da fachada principal. A cabeceira exhibe diversa decoración zoomorfa e antropomorfa. É de destacar o retablo maior de estilo renacentista coa figura de San Salvador no centro e escenas da infancia de Cristo. O mosteiro está en ruínas e non é visitable. Recentemente cambiou de propietario, polo que agardemos que a sensibilidade do novo dono supoña a súa restauración e recuperación.
A dous quilómetros está Santa María de Camporramiro, lugar onde segundo a lenda o rei Ramiro I derrotou aos normandos. Data do século XII, con reformas posteriores que incorporaron a sancristía e a espadana. É froito de tres etapas construtivas que se evidencian na ábsida con bóveda de canón, na portada principal, que ten arco de medio punto algo peraltado e tímpano liso, e na porta sur con arco algo apuntado e tímpano liso tamén. No seu adro descubríronse varios sartegos antropomorfos que delatan a existencia dun templo anterior ao actual.
Nun espectacular escenario natural, Santa María de Nogueira data de finais do século XII, con fachada reconstruída no XVIII. Conserva o gran rosetón románico de transición ao gótico, e a torre campanario da mesma época. O muro sur conserva a portada románica, con tímpano decorado sobre dúas ménsulas zoomorfas. No seu interior, a “Capela Sixtina” galega atesoura fermosas pinturas murais policromadas con escenas da Anunciación, un Pantocrátor, o martirio de San Sebastián e o sistema Trinitario. De mediados do XVI, permanecían cubertas polo cal ata a súa recuperación no 2013, segundo un proceso que se pode ver na web, en Crea Restauración.
Ruta Interior
Percorre o territorio intermedio entre os dous referentes do concello, o monte Faro e o río Miño. Próxima á vila está
a igrexa de San Cristovo de Fornas, pequena cal un oratorio, que na portada principal ten no tímpano unha inscrición en latín que a erosión non permite descifrar. Sorprenden os varios capiteis zoomorfos, cunha aguia, leóns e grifóns. O seu topónimo ten orixe nunha sepultura antropomorfa dobre localizada na parroquia.
Persisten, malia as varias reformas co paso do tempo, elementos románicos en San Martiño de Mariz, que conserva do templo románico orixinal a portada lateral, apoiada en columnas con sinxelos capiteis de follas e elementos esféricos, e tímpano liso, e Santa María de Arcos, na que permanece dende o século XII a portada norte, con arco triunfal de medio punto apoiado en columnas con capiteis xemelgos de decoración vexetal.
Non lonxe está San Paio de Muradelle. Aparece documentado nunha doazón do século XI. Da construción orixinal só se conservan as dúas portadas e a pía bautismal. A portada principal ten arquivolta de medio punto que se apoia sobre capiteis con dous grifóns e decoración vexetal. O tímpano semicircular está decorado con tres figuras humanas vestidas con túnica e auréola.
Tamén próximo á vila está San Salvador de Brigos. Segundo unha inscrición a igrexa fundouse no ano 1228. A portada principal consta dunha única arquivolta enmarcada por unha moldura axadrezada e capiteis, ornado un con grifóns e o oposto con dúas aves e unha figura humana. Baixo a cornixa atopamos variados canzorros zoomorfos, antropomorfos, xeométricos e vexetais.
Ruta da Montaña ou Ruta do Faro
Pode comezar en San Miguel do Monte, igrexa que data de finais do XII. Destaca a portada sur e o seu tímpano, no que sorprende unha escena xograresca realizada en baixorrelevo cunha figura humana sobre un cuadrúpede tocando unha cítara, outra cun pandeiro e unha soldadeira danzando. Outras igrexas desta posible ruta son:
San Vicente de Argozón conserva a fiestra da ábsida decorada con capiteis zoomorfos, de leóns e aves.
San Cristovo de Mouricios ten na portada principal unha arquivolta sobre columnas decoradas con motivos historiados. No interior, o arco triunfal de medio punto, con moldura axedrezada, asenta sobre columnas acodilladas e capiteis con motivo zoomorfos e vexetais.
Santiago de Requeixo mostra nos muros da nave once canzorros con diversidade de figuras e temas, dende un lobo ou un monxe cun libro no seu regazo ata pecados capitais como a luxuria na forma dunha muller mostrando a súa vaxina. No lateral sur, un tímpano baixo un arcosolio presenta tres figuras ataviadas con túnica, a central en actitude de bendicir. Na bóveda, varias pinturas murais datadas no século XVI representan escenas da Xénese.
Santa María de Bermún exhibe no tímpano da portada principal en baixorrelevo a figura dun neno cunha cabeza desproporcionada en relación co seu corpo, un cordeiro ergueito sobre as súas patas e unha sorte de bifurcación de camiños que parten dun mesmo centro. No interior, cos capiteis baixo o arco triunfal nos que se representa a Sansón loitando contra os leóns, sobresae unha cruz antefixa descansando sobre un “Agnus Dei”.