Noelia cortizo Salgueiro – Fotos Daniel G Alén e Concello de Ribadavia
Ribadavia é unha das vilas máxicas de obrigada visita en Galicia. Famosa polo seu interesante patrimonio histórico e artístico, ademais de polas súas fermosas tradicións. Está localizada no suroeste da provincia de Ourense e é o corazón da comarca do Ribeiro. Por ela transcorren as augas do río Avia, afluente do Miño, feito que lle dá o alcume de “Riba do Avia”.
Como xa se mencionou dispón dun valioso patrimonio histórico reflectido nas súa rúas empedradas e no seu impoñente castelo e muralla medieval. Tamén é capital do viño Ribeiro, un atractivo para os amantes de visitar viñedos e bodegas. Ademais, neste municipio ourensán podes atopar unha vila termal na que ter unha fin de semana de relaxación, sendo un dos centros termais máis importantes de Galicia.
Casco histórico
Como vila con historia conta cun amplo patrimonio que se debe visitar. Para isto, pódese dar un paseo pola Praza Maior na que se pode ver o Palacio dos Condes, a Torre do Concello e os soportais que mostran a riqueza do século XVI. Nesta mesma ruta, pódese seguir polo Barrio Xudeu e percorrer as oito igrexas e as catro parroquias que ordenaban a trama urbana.
Cabe puntualizar que na Idade Media, a vila de Ribadavia foi unha localidade rica no marco dunha comarca próspera. O asentamento da nobreza laica e eclesiástica de Galicia propiciou a consolidación dunha comunidade xudía importante que administraba e xestionaba os bens dos señores. A partir do S. XII, prodúcese un auxe da vila coincidindo coa concesión do Foro Real por parte de Fernando II no ano 1164. Estes privilexios reais atraen a nobres, cabaleiros e eclesiásticos. Deste xeito, a presenza hebrea increméntase e a comunidade xudía en Ribadavia chegou a alcanzar un 15 % da poboación total, que se agrupou na rúa da xudaría.
Un dos templos románicos a resaltar tamén é a Igrexa de Santiago, un exemplo do románico popular galego de finais do S. XII, de torre barroca que é destacada como a parroquia máis antiga de Ribadavia. Este templo xunto co de San Xoán acaban en grandes prazas como a da Magdalena, San Xoán e García Boente.
Pola zona sur, conectado coa muralla está o Castelo dos Sarmiento, á beira do conxunto da igrexa do Portal e o convento gótico de Santo Domingo, unha xoia gótica. Trátase dunha antiga fortificación situada nas beiras do río Avia. Foi residencia dos Condes de Ribadavia, da familia Sarmiento, ata o século XVII. No interior da fortificación celébrase no mes de xullo a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, un dos certames de teatro máis importantes de Galicia.
Puntos clave da vila
Entre o moito que ten para ver Ribadavia, algúns puntos son mesmo obrigatorios. Un deles é o miradoiro da Porta Falsa, que é unha zona elevada situada xunto a unha das portas que sobreviven da muralla exterior do castelo. Nesta zona pódese gozar da paisaxe do val do río Avia ao seu paso por Ribadavia. Preto del, tamén se pode ver a zona do “Muíño de Raíña” á esquerda e á dereita a “Insua”, un pequeno illote orixinado de forma natural dentro do río.
Xusto detrás do Museo Etnolóxico está a vista das pontes do Avia, outro miradoiro no que se poderán observar sobre a marxe do río Avia as pontes de San Francisco (cara á esquerda), que data dos séculos XVIII e XIX e a ponte de ferro (á dereita) datada no ano 1881 e construída para complementar a vía de tren que une Vigo con Ourense. Ao transcorrer pola zona de Santa Marta encóntrase outro miradoiro no que se pode gozar dunha panorámica case completa de todo Ribadavia, desde a zona máis antiga no centro histórico ata a zona máis moderna.
Na zona de Santo Domingo non se atopa un miradoiro propiamente, pero tamén nos ofrece unha fantástica vista da zona monumental de Ribadavia. Pódese ver boa parte do Castelo dos Sarmiento e do centro histórico. Tamén está a reitoral de San Andrés que é un edificio situado na aldea de San Andrés e no que actualmente está o Museo do Viño de Galicia. Estas instalacións teñen como finalidade a de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola para o coñecemento, a aprendizaxe e o gozo da cidadanía.
Terra de augas
A 30 km á redonda de Ribadavia atópanse máis de 10 balnearios para todos os gustos, e dentro da Comarca do Ribeiro na actualidade hai en funcionamento 5 complexos termais, coas Termas de Prexigueiro en destaque. Auga en todas as súas versións: balnearios para tomar un baño ou gozar dos seus tratamentos e terapias; poder mergullarse nunha infinidade de regatos e fervenzas de augas claras; sucar o río Miño por paisaxes frondosas ou navegar en piragua, facer windsurf ou rafting.
Como xa se mencionou, entre as augas termais destacan as Termas de Prexigueiro, nunha paraxe de gran beleza con oito piscinas naturais de augas termais. A calidade e a temperatura destas augas permiten unha gran relaxación e unha grande experiencia. Dispoñen tamén de SPA e de dúas pozas de auga fría. No edificio realízanse unha serie de tratamentos en bañeiras de hidromasaxes, tamén viñoterapia, chocolaterapia e tratamentos con algas.
Os outros catro complexos son Arnoia Caldaria, un hotel-balneario construído en 1995 e situado en pleno corazón do Ribeiro, a catro quilómetros de Ribadavia e próximo ás principais cidades galegas. Estas instalacións atópanse xunto aos ríos Miño e Arnoia, entre montes e bosques, rodeado de xardíns. Outro hotel-balneario é Laias Caldaria, inaugurado no mes de abril de 2001. A Vila Termal Laias responde perfectamente ás necesidades xeradas por un público cada vez máis esixente en balneoterapia; esixencia que se asume de maneira exhaustiva á hora de ofrecer todos os servizos cos que conta o complexo. O Balneario de Cortegada é outro dos recintos que se atopa na comarca, a 10 quilómetros da vila portuguesa de Melgaço. Finalmente está o Balneario de Berán, do que se di que as augas son indicadas para problemas respiratorios, hépaticos, dixestivos e da pel, en especial para tratar a psoriase. Conta cunha pequena piscina de auga termal ao aire libre, ademais de sete bañeiras individuais, vestiarios, duchas e unha fonte para poder beber as súas augas.
Sen ser augas termais, Ribadavia tamén pode presumir de fermosos espazos nas que a auga tamén é protagonista. Entre eles, está a praia fluvial de A Veronza, un espazo con piscinas e área recreativa que está bañado polas augas do río Avia. As súas instalacións permiten desfrutar dunha ociosa xornada tanto a pequenos como a maiores. Conta cun paseo de 1,5 quilómetros que transcorre á beira do río. Xunto ás termas de Prexigueiro, no río Cerves , existe unha praia fluvial na que se pode tomar un baño en plena natureza rodeado de zonas arboradas. Outro espazo destacado é A Barca, onde se atopa a desembocadura do río Avia no Miño. Actualmente atópase arborada, pero pódese tomar un baño e aproveitar as mesas de pedra para unha merenda.
Sendeirismo e natureza
Continuando coa natureza, estando en Ribadavia, é inevitable falar do Camiño Miñoto Ribeiro. Trátase dun dos máis antigos que enlazaban o norte de Portugal coa cidade do Apóstolo Santiago. Segue a percorrer a maior parte do seu trazado a través daqueles mesmos carreiros, calzadas romanas e camiños medievais.
Comunica castros e poboacións prehistóricas, ademais de presumir da inxente abundancia de asentamentos megalíticos e túmulos sepulcrais, que lembran a prematura na habitación destes lugares. Engloba, entre outros caracteres, tres elementos diferenciables que lle confiren un carácter específico propio: “Natureza, termalismo e viño”.
Pódese facer por tres entradas diferentes. O itinerario principal, desde Braga cara a Vilaverde, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez, Monçao e Melgaço atravesando os concellos de Padrenda, Pontedeva, Cortegada, Arnoia, Castrelo de Miño, Ribadavia, Beade, Leiro, O Carballiño, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra, Boqueixón e Santiago de Compostela. Outra das opcións é Braga, Ponte da Barca, Ermelo, Lindoso cara a Baixa Limia, Lobios e Entrimo, Castro Leboreiro, onde xa se uniría co itinerario principal. E finalmente dende Terras de Bouro ata as proximidades da vila de Lobios, Entrimo e Castro Leboreiro, onde se uniría co itinerario principal.
Ademais deste Camiño, o espazo de Ribadavia ofrece tres roteiros moi completos e que permiten coñecer a esencia integral do Ribeiro. O primeiro deles é a ruta dos Peregrinos do Viño. Escritores e eruditos de todo o mundo, como Otero Pedrayo ou Graham Greene gozaron e escribiron dos grandes viños do Ribeiro e da súa paisaxe chea de historia, lugares pintorescos e gastronomía tradicional. Transcorre por Ribadavia, San Paio, Santo André, Esposende, Lentille, Cuñas, San Clodio, Leiro, Beade, As Regadas e volta á vila. Outro dos roteiros é o dos Viñedos Históricos, que ofrece a paisaxe vitícola medieval máis singular de Galicia e dos máis tradicionais de Europa. Os seus viñedos en terrazas de granito, os seus camiños empedrados e a súa natureza presentan o espazo perfecto para coñecer a esencia mesma do viño. Pasa por Ribadavia, San Paio, Santo André, Esposende, Lentille, Cuñas, San Clodio, Leiro, Pazos de Arenteiro, Berán, Beade e volta Ribadavia. Finalmente, está a ruta dos vales termais que sae da vila e pasa por Francelos, Prexigueiro , Cortegada, Meréns, Arnoia e Ribadavia.
Festexos e gastronomía
En Ribadavia hai numerosos momentos que serán inesquecibles e que fan desta vila un sitio singular. Entre esas citas está a destacada Feira do Viño do Ribeiro, declarada de Interese Turístico. É a festa vitivinícola máis antiga de Galicia e conta cun completo programa de actividades paralelas, catas, talleres de maridaxe, showcooking e actuacións musicais. Ademais do Ribeiro, a música é a gran protagonista, coa participación de centos de gaiteiros polo centro histórico da cidade.
Celébrase na primeira fin de semana de maio con todas as novidades vitivinícolas da zona e conta cun concurso de carteis para elixir a imaxe de representación para a edición. Para levar a cabo iso establécese un tema para inspirar a participación de deseñadores e artistas coa condición de que a obra sexa inédita. Nesta edición a gañadora foi Alexandra Pérez Quiroga, galega residente en Lyon (Francia), e o seu cartel foi elixido entre 74 propostas presentadas ao concurso.
Outra das citas a destacar é a Festa da Istoria, que se recrea ano tras ano dende 1989 cando a Escola Obradoiro de Santo André decidiu rescatar unha vella celebración que antecedía ás festas maiores da Virxe do Portal. Recuperala foi un esforzo do pobo, que a segue representando todos os anos, contando para con máis de cincocentos voluntarios agrupados dende a desaparición da Escola Taller de Santo André nunha organización veciñal dende o ano 1991, que pasou a denominarse Coordinadora da Festa da Istoria, legalmente constituída como Asociación no ano 1996, para constituír a Fundación Festa da Istoria no ano 1998.
A cita, que ten lugar o último sábado de agosto, conta con varios recoñecementos: en 1997 é declarada de Interese Turístico Nacional polo Goberno Central e o premio do Canal da Historia no ano 2000. Membro fundador da Federación Española de Fiestas y Recreaciones Históricas, pertencendo na actualidade tamén á Federación Europea de Festas Históricas.
Outras citas destacables son a Mostra Internacional de Teatro, o encontro teatral máis importante de Galicia, que se celebra a mediados do mes de xullo. As festas patronais, nas que se honra o 8 de setembro á Virxe do Portal e se congregan numerosos devotos da virxe.
Tamén a asociación Ribadavia Activa.T, formada por un grupo de mozos/as con ganas de facer actividades que impliquen a tódolos veciños do concello, deron lugar á Noite Meiga. Xa conta con 23 anos de historia, sempre durante a ponte de Defuntos. O programa acolle numerosas actividades coma un Escape Room, Pasaxe do Terror ou Animación de Rúa.
Se falamos de gastronomía en Ribadavia temos que nomear as rosquillas, melindres, amendoados, bicas, roscón, cañitas, cocos e doces hebreos. A gastronomía nesta vila ourensá componse de doces tradicionais como son as rosquillas de xema de ovo, as bicotas, os melindres, os amendoados e os doces hebreos. A rosquilla é un dos doces máis coñecidos en Galicia, sendo Ribadavia unha vila de gran tradición e produción desde hai séculos. Amais destacan as tortas de améndoa e de froitos secos.