Blanca Paz Muiños
A Asociación Feiral Semana Verde de Galicia e a Asociación Galega de Operadoras Artesanais de Alimentación e Pensos (AGOAAP), con sede en Lalín, veñen de selar un acordo de colaboración mediante o cal ambas entidades verán incrementada a súa promoción e traballarán para fomentar actividades conxuntas.
O presidente do colectivo silledense, José Luis Rodríguez, e o seu homólogo de AGOAAP, José Carlos Brea, asinaron o convenio o pasado 16 de abril. Así, esta última pasa a ser socia institucional da entidade trasdezá, considerándose os seus membros como propios da Asociación Feiral en calidade de socios colectivos como beneficiarios da AGOAPP. Esta condición tamén se extende aos familiares directos, traballadores, colaboradores e empregados dos socios da AGOAAP, así coma aos achegados máis próximos de todos eles.
Vixente ata o 31 de decembro de 2025 e prorrogable, este convenio permitiralle á AGOAAP dispoñer dun espazo divulgativo no stand da Asociación Ferial en cada certame da Semana Verde e dun recanto expositivo cun custo máis reducido.
Asimesmo, ao igual que xa o están a disfrutar o resto dos socios do colectivo trasdezao, os integrantes da AGOAAP poderán adquirir ao longo do ano os produtos da tenda delicatesen da Asociación Ferial a prezos especiais. Tamén terán acceso a entradas de balde nas feiras organizadas pola Fundación Semana Verde e disfrutarán dun desconto do 50% noutros eventos. De igual xeito, gozarán dos accesos a metade de prezo aos museos cos que a Asociación Ferial mantén convenios: Museo do Campo e da Mecanización (Silleda), Museo Casa do Patrón (Codeseda-Lalín), Museo Vivente do Mel (Portodemouros) e Museo do Ferrocarril (Monforte de Lemos).
O uso de material como as rozadoras e as motoserras que a Asociación Feiral ten a disposición dos socios, a preferencia na divulgación e a comercialización dos seus productos a través da súa renovada web e das redes sociais son outras das vantaxes para o colectivo artesanal.