Alfredo Abeledo Penas
Para min, despois do lume, a Roda ten unha importancia vital na vida do xente galega. A roda dispón dunha sala grande moi parecida en dimensións á do primeiro andar, sinal inequívoco de que este elemento foi ao longo dos anos esencial e determinante na evolución das tarefas do campo.
Xa na etapa prehistórica hai un exemplo co arado normando con rodas. En épocas posteriores sempre estivo presente como se pode ver en cada unha das salas existentes. SEMPRE A RODA, xa en madeira, nas carretillas ou arados, en metal nos carros, ou en goma revestindo nos tractores. A figura cilíndrica sempre está presente ao longo dos anos, incluso na cerámica e moedas. Iso si, todo hai que dicilo, a primeira roda non tiña que ver co transporte, mais ben coa olaría, pois foi esta quen puxo a funcionar unha de madeira impulsada cos pés, para mover as pezas de barro, alá na época dos sumerios hai uns 5000 anos.
A Sala do carro, ofrécenos unha ampla gama de vehículos de diversa procedencia e para diferentes tarefas. Sempre para o transporte de viño, pedras, madeira, leite….En calquera caso, todo dependerá do terreo polo que pasa e do material que ten que transportar. Hai un dito nun apartado do Sabias que….. dos atrís, que di que, “ canto máis pesada sexa a carga máis macizas son as rodas”. E iso parece que foi así. No Deza son moi abondosas as rodas de madeira, cousa que non pasa coas que transportaban, por exemplo o viño, máis lixeiras e tiradas por un animal só como ocorre en zonas vinícolas.
Mais sempre haberá un carro, tirado por vacas, bois, mulas, bestas ou cabalos, en número variable para levar as cousas dun sitio para outro. Vinte exemplares de carro adecuados para cada carga ben merece unha visita a esta sección. Dicíame Manuel que había os que eran tirados por catro animais cando subían unha costa, mais, cando a baixaban dous ían diante e os outros dous detrás, enganchados a unha argola. E digo eu…, como serían as costas?
Levantará moitos recordos, porque, quen non conserva aínda no maxín unha lembranza do carro do país cantando cos eixes de madeira, cando chegaba á casa?
Tamén podemos ver o transporte cunha roda, o carretillo, de dúas rodas, como é o habitual en Galicia ou de catro como é o caso da carreta que, ou ben era dedicada para o comercio ou o seu posuidor era unha persoa con cartos. Sería o caso da carruaxe existente ao final da sala, que estaba dedicada ao transporte de diferentes víveres que o dono levaba a Castela co ánimo de facer o cambio do material que transportaba.
Sempre con moita curiosidade o “Refraneiro sobre o Carro” ten innumerables frases, que ben podían comezar calquera conversación. Refráns coma “presta un carro a quen ten carro” ou“ nubes no poñente, colle o carro e vente”, Para comentar e para recordar.