Blanca Paz Muíños (texto e Fotos)
A fábrica silledense de pensos e produtos agroalimentarios Nudesa alzouse coa súa oitava estatuiña consecutiva dende 2016 nos prestixiosos galardóns Porc d’Or de Capa Blanca.
O pasado 20 de outubro de 2023 lembrarase na institución como a data na que o preciado ouro recalou nas mans da empresa, concretamente nas da granxa Expocutrín de Vedra na categoría 1 de taxas de parto en explotación de ata 500 porcas.
Os representantes recolleron orgullosos en Lleida o premio máis representativo nun certame organizado polo Institut de Recerca i Tecnologia Agroalimenyàries (IRTA).
“Significa tanto precisamente porque é o noso propio sector quen nos outorga a excelencia produtiva a nivel nacional comparándonos con tódalas explotacións de España. É a referencia”, sinala Marcos Fuentes, enxeñeiro agrónomo da empresa. A taxa de partos, explica, “mide a eficiencia produtiva da explotación”.
Maria del Mar Lara Díaz-Meco, veterinaria con 35 anos de experiencia en Nudesa, traballa na granxa premiada e indica moi emocionada que este recoñecemento, logrado frente a outras granxas que contan con máis tecnoloxía, amosa “a importancia do factor humano no seu traballo”.
O vínculo do granxeiro co animal e o compromiso co benestar que se verte día a día en cada unha das accións da empresa é o que, segundo ela, marca a diferenza: “Que unha granxa relativamente pequena chegue tan alto é o verdadeiro sinónimo de excelencia”.
Dúas das 8 granxas coas que conta Nudesa estiveron nominadas en distintas categorías nos Porc d’Or este ano. A segunda foi a de Vilar (Silleda) que, aínda que non volveu á casa con un galardón, para Marcos o verdadeiro premio “é seguir estando aí, entre os mellores”.
A alimentación: a clave do éxito
O motor económico de Nudesa segue a ser a produción de penso, unha vertente na que se envorca o seu equipo. Supervisan ao milímetro cada paso dunha complexa engranaxe na que se estudan dende as distintas fases do crecemento do animal e as súas necesidades ata o final da cadea de creación do alimento, tanto antes como durante o proceso de fabricación.
Dende Nudesa inténtase facer unha nutrición personalizada e baseada na eficiencia alimentaria: “Boa calidade nos pensos para atopar a maior expresión xenética en cada especie, só desta forma se consegue acadar todo o potencial do animal e, á súa vez, lograr unha carne máis sostible” .
O seu non é, indica, o penso máis barato porque se persegue a calidade: “É o que lle damos de comer ao noso propio gando e algo estaremos facendo ben cando somos líderes en venda libre en Galicia”, sentencia Lago.
As calidades do penso son máis tanxibles na saúde e a calidade da carne dun porco, explica, porque está baseada nun 100% en penso e, polo tanto, este ten que estar enfocado a cada fase do seu crecemento e idade reproductiva.
Un leitón, conta a veterinaria, cambia a súa alimentación un mínimo de tres veces até que chega á idade adulta porque as súas necesidades orgánicas tamén mudan.
O mentado premio Porc d’Or testemuña, polo tanto, que unha calidade suprema do alimento impacta directamente na saúde e calidade do animal.