Raquel F. Novoa
Centos de veciños de Monforte de Lemos reuníronse o pasado 29 de outubro para asistir a un dos eventos máis simbólicos de 2023: a reapertura da igrexa de San Vicente de O Pino, unha das xoias do complexo histórico que coroa a cume do Monte do Pino e vixía solemne da cidade.
Os traballos na restauración do templo mantivérono pechado dende o ano 2019, a tempada máis longa que se recorda na súa historia dende o século XVI, data na que se reconstruíu a igrexa trala súa destrución froito dun tráxico incendio que a asolou no século XI.
Dada a relevancia histórica e monumental do complexo San Vicente de O Pino o Goberrno do Estado dotou o complexo dun forte investimento de 700.000 euros que, sen dúbida, revestiron o espazo da gloria que dende antigo atrae a turistas e veciñanza.
A nova cara da igrexa de San Vicente de O Pino
O devir da historia esculpiu o templo dunha atractiva mistura de estilos arquitectónicos: mentres a sobriedade do estilo renacentista da fachada principal impacta na primeira impresión dos visitantes, o estilo gótico das fiestras da fachada sur racha coas concepcións preestablecidas e baña de luz natural a Capela Maior.
A igrexa mantén a planta de cruz latina tradicional e na súa estrutura destaca unha impoñente cuberta con bóveda de nervios. O terceiro estilo que se detecta no conxunto do monumento é o barroco tardío que se denota no campanario.
O resultado das reformas acometidas no interior do templo, onde destaca o estilo gótico de transición, imprímese nas pinturas murais do presbiterio, a nave central e o muro norte do cruceiro, o retablo maior e o retablo en pedra do Mosteiro.
Outro dos eixos sobre os que xirou o proceso de mellora das instalacións do templo foi a intervención sobre a iluminación interna, trala cal os fieis e visitantes poden asistir a unha sensación espacial nova e única.
O regreso da virxe de Montserrat
O domingo 29 de outubro de 2023, día da inauguración do novo espazo, tivo lugar unha das celebracións máis simbólicas e especiais: o regreso ao templo da virxe de Montserrat, patroa da cidade, acollida durante as obras na igrexa de Régoa.
A icona chegou acompañada por centos de fieis que esperaban o traslado con auténtica devoción, dado que esta saíra por primeira vez do templo en sete séculos. O xesto da cidadanía amosa o forte sentimento místico que os une á súa patroa.
Este evento estivo presidido tanto polo rexedor coma polo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, e outras autoridades. Celebraron tanto o resultado da restauración tras catro intensos anos como a volta das actividades litúrxicas e de culto que lle son propias e o fan accesible a monfortinos, monfortinas e turistas.
O regreso da virxe homenaxeada na reapertura estivo amenizado polo son das gaitas e a algarabía popular.
Un esforzo económico á altura da reforma
As melloras na igrexa tanto en obras de conservación como no alumeado non sería posible sen a dotación de axudas económicas por parte do Ministerio de Cultura. Segundo fontes do Concello de Monforte de Lemos desta forma “o Goberno de España exemplifica o seu compromiso pola conservación do patrimonio tanto da provincia como de Galicia, facéndoa máis atractiva a través da restauración de pezas e edificacións de grande riqueza histórica”.
Para a restauración do interior do fano investíronse, concretamente 646.319 euros. Con eles rescatáronse pezas e edificacións de grande valor e tradicíón.
O alcalde solicitara a continuación axudas para reformar a iluminación da igrexa, un matiz que consegue un aspecto totalmente novidoso. Para acadar excelentes resultados nesta acción concedéronse un total de 41.000 euros.
A suma, por tanto, do investimento do Goberno central para a mellora do patrimonio acada case 700.000 euros.
O delegado do Goberno afirmou na súa visita á localidade que “Galicia conta cunha herdanza histórica innegable e de gran importancia pola que paga a pena investir”. Por iso se dispuxeron nos últimos anos, indicou, máis de 125 millóns de euros para ese tipo de obras, reformas e operacións de conservación e posta en valor do patrimonio galego.
O histórico mural descuberto nas obras
Durante as obras na igrexa de San Vicente do Pino tivo lugar un episodio extraordinario. Trátase do achado dunha pintura mural nunca vista no interior do templo en bo estado de conservación.
As autoridades pertinentes acudiron deseguido a intervir e documentar a decoración inédita da que sinalan ten un grande interese histórico e documental.