Javi Casal
Visitar Ribadavia, a capital do Ribeiro, sempre é un bo plan, que se fai especialmente atractivo nestas primeiras semanas do inverno. A vila ourensá aínda loce nestas primeiras xornadas do ano 2025 o espectacular alumeado de Nadal que a localidade obtivo como premio, logo de acadar o triunfo no prestixioso concurso ‘Juntos Brillamos Más’, impulsado por Ferrero Rocher e que xa conta con once edicións. A proposta de Ribadavia foi a que máis votos obtivo do público, o que lle serviu para ser o lugar máis fermoso e navideño desta edición, impoñéndose a outras vilas da xeografía española, como Agreda (Soria), Biar (Alacante), El Coronil (Sevilla) e La Adrada (Ávila). Ribadavia pode presumir de contar co Nadal máis longo de Galicia, polo menos no que se refire á súa decoración lumínica, xa que as luces e os adornos poderán contemplarse ata o vindeiro 26 de xaneiro, tal e como confirma o Concello.

Un gran escaparate
Ao longo das últimas semanas cóntanse por milleiros as persoas que pasaron por Ribadavia para gozar desta espectacular posta en escena. Así o confirma o alcalde, César Fernández, que recoñece que o feito de gañar este concurso supón un escaparate moi importante para unha vila que grazas á súa historia, tradición e riqueza arquitectónica e patrimonial é un dos lugares de referencia en Galicia. “Sen dúbida, é un motivo máis para mostrarlle a toda España o fermosa que é Ribadavia, o moito que ten que ofrecer, o noso viño e moitos outros atractivos”, sinala o rexedor, quen tamén ten claro que, por riba de todo, hai que pór en valor “o gran capital humano que temos neste concello, xa que os nosos veciños e veciñas fan da nosa vila un lugar único”.
Neste sentido, Fernández quere resaltar a implicación da veciñanza. “Como alcalde estou enormemente agradecido a todas e todos os veciños de Ribadavia por todo o traballo, o esforzo e as mobilizacións que se fixeron para lograr que sexamos a vila que máis brile neste Nadal. Sen dúbida, son momentos de profunda ledicia para Ribadavia”, engade o rexedor ourensán. Non hai que esquecer que esta é a primeira ver que unha localidade de Galicia consegue alzarse co triunfo no concurso organizado por Ferrero Rocher.
Alumeado sostible
Ao converterse na candidatura máis votada deste certame, a capital do Ribeiro conta cun alumeado que non só destaca pola súa beleza e espectacularidade, senón tamén pola súa sostibilidade. A decoración está composta por máis de 250.000 puntos ‘led’, o que se traduce nunha alta eficiencia enerxética e un consumo eléctrico máis baixo. A redución, de feito, está nun 75% aproximadamente. Con estes adornos, lugares tan emblemáticos como a Praza Maior ou as rúas máis próximas convértense nestas datas nun lugar que paga a pena visitar unha vez cae a noite.
Desde que se fixo oficial o triunfo de Ribadavia no concurso de Ferrero Rocher, a actividade é frenética na vila. Boa proba disto foi a espectacular acollida que tivo a gala ‘Juntos Brillamos Más’, celebrada na localidade e que estivo presentada por Jesús Vázquez. O propio comunicador recoñeceu que este foi un dos eventos con maior afluencia de xente en todas as edicións que leva celebradas este evento.