José López Campos: “As nosas aldeas son un fervedoiro cultural, con talento, creatividade e ganas de emprender”

CONSELLEIRO DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE

Blanca Paz Muíños

É a súa primeira aparición nesta publicación, ‘Cultura Rural’, como conselleiro do ramo, nove meses despois de tomar posesión e vindo, como vén, dun concello de interior como A Estrada, do que foi alcalde. Como conxuga estas dúas vertentes?

A xestión e os retos son diferentes, pero a política local supuxo unha enorme aprendizaxe sobre o valor da proximidade e do coñecemento en primeira persoa que non deixei de aplicar nas miñas actuais responsabilidades. Agora tiro proveito de todas estas ensinanzas para afrontar os novos retos que supón estar ao fronte da Consellería. Non hai política, problema, colectivo ou desafío pequeno, pero agora o xeito de afrontalos e o traballo en equipo é diferente.

osé López Campos. Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
osé López Campos. Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

Hai unha cultura urbana e outra de interior?

Galicia ten moitas realidades que van máis alá do urbano e o interior, pero o noso deber é garantir o acceso á cultura sexa cal sexa o lugar de residencia. Con este fin, acabamos de aprobar a Lei de cultura inclusiva e accesible, converténdonos en pioneiros en Europa en lexislar nesta materia. Esta normativa abrangue unha dobre vertente, pois garante o acceso á oferta a todas as persoas e dálle pulo a que se cree cultura desde a para o rural. Ninguén cuestiona, e eu moito menos, porque o vivín e comprobei como rapaz de aldea, alcalde e agora veciño dun concello pequeno, que as nosas aldeas son un fervedoiro cultural, con xente cun enorme talento, creatividade e con ganas de emprender desde o rural para o mundo, pero tamén desde o rural para o rural.

Tendo en conta a área de cobertura deste boletín, a Galicia central, que iniciativas baralla para este espazo?

Levamos tempo traballando nesta senda de accesibilidade universal. É o caso do  CulturON, que no verán levou un programa de 30 actividades diarias por máis de 200 concellos e da Rede Adival, que a Xunta creará este ano para dinamizar a cultura no rural. Outra acción é A Furgoteca. Son bibliotecas móbiles en concellos de Ourense e Lugo que non estaban a contar con este servizo. Levan lectura e outras propostas a lugares con limitacións xeográficas. Están a ter moi boa acollida, coa participación de 1.394 persoas que contan xa co seu carné e téñense alcanzado os 15.000 préstamos. Ademais, tamén temos o Cultura no Camiño, que ateiga as zonas rurais dunha oferta diversa e de calidade.

Lingua e patrimonio son dous piares da súa Consellería. Cal é a filosofía para traballar a prol de ambos?

Ambos son o maior tesouro de Galicia. Consecuentemente, o noso traballo vai dirixido a preservalos e poñelos en valor. Así o demostra o pacto pola lingua que estamos impulsando para contribuír a incrementar o seu uso social. Xa temos deseñado un plan con 50 medidas inmediatas para este ano. En canto ao patrimonio, levamos investidos máis de 55 millóns no último lustro en actuacións dirixidas a protexer, poñer en valor e divulgar todo este legado. Estamos traballando intensamente en facer realidade que a candidatura da Ribeira Sacra, coa implicación xenerosa e activa de concellos de Lugo e Ourense, sexa declarada en 2026 Patrimonio Mundial da Humanidade. Estou convencido de que a Unesco nos vai dar boas novas.

No aspecto máis persoal, dígame o seu plan cultural perfecto.  

Calquera que supoña o desfrute compartido cos meus. E niso, a variada e ampla programación coa que contamos en Galicia fai que se teña moitas opcións a elixir desde unha obra de teatro, a un concertos, ou unha película… Admito que depende do momento e tamén dos gustos das persoas que te acompañan, que son as que fan ao final que un plan cultural perfecto o sexa aínda moito máis.

Deixa unha resposta