José Rodríguez González (1770-1824):o primeiro gran científico galego   

A Real Academia Galega de Ciencias nomeouno “Científico Galego do Ano 2024” e o Concello de Lalín, xunto a outras institucións, patrocinou numerosos actos na súa honra

Daniel González Alén
Relevo de José Rodríguez no paraninfo da Universidade de Santiago
Relevo de José Rodríguez no paraninfo da Universidade de Santiago

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) designou a José Rodríguez González “O Matemático Rodríguez” (Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824), “Científico do Ano 2024”, e coa colaboración do Concello de Lalín, as consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e F. P. e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia; o Consello da Cultura Galega; as facultades de Matemáticas e de Xeografía da Universidade de Santiago; e os observatorios astronómicos Nacional de Madrid e Ramón María Aller de Santiago de Compostela, programou numerosas actividades, que se celebraron en Lalín e Santiago de Compostela ao longo do presente ano 2024, ficando pendentes outras para o 2025 a celebrar en Madrid, Bruxelas e París. Todos os actos programados contaron con notable presenza de autoridades da política e académicas, parentes do homenaxeado e numeroso público.

En Santiago de Compostela, no marco da Facultade de Matemáticas, e posteriormente en Lalín, na Casa do Concello, presentouse o libro “José Rodríguez González: Un matemático sublime”,  editado pola Real Academia de Ciencias e o Consello da Cultura Galega, coordinado polo profesor da USC e membro da RAGC, Xoán Xosé Nieto Roig, que recolle as colaboracións de recoñecidos profesores e investigadores .

Na igrexa da Universidade de Santiago inaugurouse a primeiros de outubro a exposición itinerante “José Rodríguez: O matemático de Bermés”, repartida en oito paneis e expositores nos que se amosaban numerosos obxectos, aparellos, documentos e imaxes referidas ao homenaxeado e se proxectaban en continuo dúas pezas audiovisuais elaborados para este fin, cun cumprido resumo da vida e obra do ilustre fillo de Lalín, que recollía un folleto ilustrado que se lle entregaba aos visitantes, patrocinado polo Concello de Lalín. Pola exposición compostelá pasaron milleiros de visitantes, ao igual ca na posterior exhibición en Lalín, a finais de novembro, que foi instalada na Casa do Concello, onde está previsto que permaneza ata finais de xaneiro, para posteriormente levala a Madrid, Bruxelas e poida que a París. Na mesma igrexa da Universidade tivo lugar o obradoiro “José Rodríguez. O inicio da liña de tempo da ciencia en Galicia”, coa participación de Francisco Díaz-Fierros, Elena Vázquez Cendón, Margarita Barral, Gonzalo Navaza, José A. Docobo, Xabier Pérez Couto e Carme Villanueva. Os propios profesores Carme Villanueva e José A. Docobo, pronunciaron unha conferencia no Museo Municipal de Lalín, versando sobre o Matemático Rodríguez, organizada polo Seminario de Estudos de Deza.

Personalidades da política e da cultura, nos actos celebrados en Lalín
Personalidades da política e da cultura, nos actos celebrados en Lalín

Na igrexa de Santo Agostiño, en Santiago, descubriuse unha placa que en adiante deixará constancia de que neste templo recibiu cristiá sepultura en tumba anónima, o Matemático Rodríguez. O acto foi organizado polo profesor e director do observatorio de Santiago, José Angel Docobo e os padres xesuítas do Colexio e Igrexa de Santo Agostiño. Tamén na capital de Galicia, por parte do Concello de Santiago, colocouse unha placa no Parque das Ciencias na honra do Matemático. E no Paraninfo da USC tivo lugar a celebración do Día da Ciencia en Galicia, dedicado ao Matemático Rodríguez, cunha conferencia do profesor Díaz-Fierros e a entrega da revista “A ciencia en Galicia”, coa portada e varios artigos dedicados ao ilustre lalinense do que, con estes actos e outros que se programarán en anos sucesivos, se pretende recoñecer a súa valía e perpetuar a súa memoria.

Este fillo ilustre de Lalín que, nado no seo dunha familia labrega da parroquia de Bermés, chegaría a ser un dos máis grandes científicos que deu España e o primeiro galego con proxección internacional, facendo importantes achegas ás Matemáticas, á Astronomía, á Xeografía e á Mineraloxía entre outras ramas da ciencia. Sendo case imposible, recoller neste artigo un resume da súa vida e obra, indicamos ao lector que as poderá atopar con certo detalle no citado libro “José Rodríguez González: Un matemático sublime” e tamén na tese da investigadora Carme Villanueva, nas ligazóns:

https://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_2024_Jose-Rodriguez-Gonzalez-1770-1824.pdf,

e file:///C:/Users/PC/Documents/Downloads/VillanuevaPerez_MariaCarmen_TD_2023.pdf

Exposición itinerante sobre a vida e obra do Matemático Rodríguez
Exposición itinerante sobre a vida e obra do Matemático Rodríguez
O libro biográfico e outras publicacións editadas neste ano
O libro biográfico e outras publicacións editadas neste ano

Deixa unha resposta