Neste momento estás a ver Patrimonio da Galicia Central: CEA
A praza Maior e a Torre do Reloxo dende o aire

Patrimonio da Galicia Central: CEA

A terra do mellor pan artesán no camiño de peregrinación a Compostela
Javi Casal (texto) - Daniel G. Alén e James Sosa (fotos)

Na comarca do Carballiño, a uns 25 quilómetros de Ourense, atópase San Cristovo de Cea, un concello cunha gran tradición histórica, gastronómica e patrimonial. Con algo máis de 2.000 habitantes, pode que non sexa un dos concellos máis grandes e habitados da provincia, pero, desde logo, si pode presumir de ser un dos lugares máis atractivos nesta bisbarra. Un marabilloso enclave que ben paga a pena visitar e ‘degustar’ con todos os sentidos, con indiscutible protagonismo para o seu pan, considerado un dos mellores do mundo e que, sen lugar a dúbidas, pasa por ser un dos trazos identificativos máis salientables de Cea.

Fariña de trigo, auga, sal e masa nai. Eses catro ingredientes mestúranse nun proceso de elaboración ancestral, que se remonta a hai varios séculos, e que deixa como resultado un dos pans máis cotizados a nivel nacional e internacional. A calidade do pan tamén se pode comprobar co éxito da Festa de Exaltación do Pan de Cea, que comezou a organizarse a principios da década dos 90  e que congrega ano tras ano, no primeiro domingo do mes de xullo, a milleiros de persoas. A elaboración, ademais, está definida como Indicación Xeográfica Protexida (IXP) desde 2005. Na súa vindeira edición cumpirirá, polo tanto, 20 anos con este certificado de calidade.

Tradición panadeira

 A tradición panadeira da vila ourensá evolucionou de xeito paralelo a outro dos grandes elementos identificativos do concello, o Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oseira. Cea é, a día de hoxe, a vila do bo pan, unha etiqueta gañada a pulso ao longo da historia. No ano 1752, o marqués de Ensanada encarga a elaboración dun censo da localidade, no que boa parte dos veciños e veciñas figuran como panadeiros. Xa daquela, existían en Cea unha ducia de fornos. A finais do século XIX, publícase unha guía que fai referencia á calidade do pan. Cesáreo Rivera e Víctor Manuel Vázquez escriben o pan “esquisito e moi aprezado”, ao que tamén se refire Ramón Otero Pedrayo nunha guía na que aparece por primeira vez unha ilustración que representa a venda deste produto.

A produción e venda adquiren unha importancia que vai máis alá do seu valor histórico. A día de hoxe, o sector da panadería segue a ser un dos principais motores económicos do concello, con máis de 20 fornos. Os tempos cambian e as técnicas evolucionan, pero o ‘modus operandi’ para preparar o pan segue a ser o mesmo, o que o converte nun produto moi codiciado durante todo o ano.  Outra característica que identifica ao pan de Cea ten que ver coa forma das pezas: alongada e redonda, cunha fenda moi característica na parte superior. En función do peso, pódense adquirir as ‘poias’, de 1 ou 1,2 quilogramos de peso ou os ‘moletes’ de 0,5 quilos. O miolo caracterizase por ser esponxoso, fibroso e firme. Elabórase cunha receita que se transmite de xeración en xeración e que é motivo de orgullo entre os panadeiros de Cea.

A Festa de Exaltación do Pan de Cea

Cada primeiro domingo do mes de xullo, desde 1991, os veciños e veciñas de Cea viven con paixón a que é unha das grandes citas gastronómicas da bisbarra, que atrae a un gran número de persoas doutros lugares de Galicia. Trátase da Festa de Exaltación do Pan de Cea, na que, como non podía ser doutro xeito, o produto estrela é o propio pan, a través de diferentes propostas. Non faltan, por exemplo, os obradoiros nos que se explica o proceso de elaboración do pan e, por suposto, as tapas nas que o produto é o indiscutible protagonista. A programación da festa, que se desenvolve no Campo da Saleta, conta coa lectura de pregón, animación musical e postos con produtos de Denominación de Orixe, incluídos viños, queixos, lacon ou mel.

Ademais, desde hai dez anos, o programa da Festa de Exaltación do Pan de Cea tamén inclúe a Ruta dos Fornos. Trátase dun percorrido gastronómico por sete antigos fornos, con máis de 100 anos de antigüidade, con animación musical.

O exquisito e recoñecido pan de Cea
O exquisito e recoñecido pan de Cea

A Torre do Reloxo

Cea é moito máis ca gastronomía. O concello tamén presume dunha grande riqueza patrimonial e histórica. Un dos seus grandes símbolos é a Torre do Reloxo, parada obrigada en plena Praza Maior, nas proximidades da Casa Consistorial, e punto de interese para numerosos visitantes, así como para os peregrinos que se dirixen a Santiago de Compostela a través da Vía da Plata. Este monumento, singular e único, é un dos grandes emblemas e motivo de orgullo para Cea. A torre elévase, de xeito maxestuoso, sobre varios metros de altura. Na base, presume dunha ornamentación moi particular e características, na que chaman a atención as catro fontes que no pasado acadaron moita importancia.

A Torre do Reloxo, construída a finais dos anos 20, conta con aproximadamente un século de antigüidade. Desde o punto e vista histórico resulta moi interesante, xa que, duranto moito tempo, prestou un servizo social moi importante para a meirande parte da poboación. As badaladas que resoaban durante a noite servían para marcar o ritmo do levedado do pan e axustar os tempos de cocción. Tendo en conta que moitos veciños e veciñas vivían da elaboración deste alimento, o reloxo cumpría unha función moi importante antes de que os de peto ou de pulso empezasen a estar ao alcance de toda a sociedade.

En Cea bifurcase o Camiño Mozárabe por Oseira e o Piñor
En Cea bifurcase o Camiño Mozárabe por Oseira e o Piñor
Albergue de peregrinos de Cea onde se bifurca o Camiño a Oseira e a Piñor
Albergue de peregrinos de Cea onde se bifurca o Camiño a Oseira e a Piñor

O Mosteiro de Oseira

Se se fala de historia e patrimonio, o Mosteiro de Oseira tamén ocupa un lugar destacado dentro dos atractivos de San Estevo de Cea. Emprazado nun enclave privilexiado, á beira do río Martiñá, os primeiros asentamentos de monxes datan do século XII. Inicialmente, construiuse un templo modesto, que foi crecendo co paso do tempo, ao abeiro do potencial económico, cada vez máis importante, da casa, grazas a doazóns e compras realizadas polos monxes.

A igrexa principal é unha xoia patrimonial, imprescindible para entender a importancia do Císter en España. As naves, o cruceiro, a cúpula ou a imaxe da Virxe ofrecéndolle o peito ao neno Xesús son algúns dos grandes reclamos do templo, no que tamén destacan os exteriores, co arco de aceso do século XVII e a espectacular fachada tanto da igrexa como do Mosteiro.

Todas estas características fan do Mosteiro de Oseira un lugar escollido por milleiros de visitantes durante todo o ano. Ofrécense visitas guiadas de luns a sábado, en horario de mañá e de tarde, de 10.30 a 12.00 e de 16.00 a 17.30 horas, respectivamente. Ademais, os domingos tamén se pode contemplar o templo ás 12.45 horas ou ás catro da tarde. O prezo por persoa é de 3,50 euros, cun desconto de 1,50 euros para grupos.

Dentro da súa importancia en chave histórica, Cea tamén pode presumir de formar parte da Vía da Prata, concretamente da etapa entre a propia vila e a capital da provincia, Ourense. Non hai que esquecer que a Vía da Prata está considerada unha das propostas máis importantes e recoñecidas do Camiño de Santiago e que atrae anualmente desde o sur de Península Ibérica a un gran número de peregrinos.

O impresionante Mosteiro de Oseira tense por o Escorial galego
O impresionante Mosteiro de Oseira tense por o Escorial galego
O Museo Etnográfico Olimpio Liste en Oseira
O Museo Etnográfico Olimpio Liste en Oseira
Interior do Museo Etnográfico Olimpio Liste en Oseira
Interior do Museo Etnográfico Olimpio Liste en Oseira

A Virxe da Saleta

Se ben o Mosteiro de Oseira pode considerarse a punta de lanza da enorme riqueza patrimonial e arquitectónica do concello de Cea, hai máis atractivos que non pasan desapercibidos para os e as visitantes que se achegan á zona. Outro monumento digno de admirar é a igrexa da Virxe da Saleta, templo no que cada ano, na terceira fin de semana do mes de setembro, se celebra a Romaría na honra da patroa. Conta a lenda que dous pastores tiveron un encontro coa Virxe a mediados do século XIX, precisamente nos últimos días do verán, de aí que os actos relixiosos teñan lugar nesas datas. Durante tres días, misas, procesións e verbenas forman parte da ampla programación que se deseña para conmemorar este acontecemento.

A igrexa da Virxe da Saleta conta a día de hoxe con máis de 100 anos de existencia (foi construída en 1908), erguéndose no lugar da devantida aparicion da Virxe da Saleta. O templo fica no Camiño Real, que unía a Meseta con Santiago de Compostela e que é zona de peregrinaxe. Outra vantaxe deste emprazamento é que se sitúa a moi pouca distancia do Mosteiro de Oseira.

O valor arquitectónico de Cea tamén queda reflectido no centro da propia vila, onde os vestixios da arquitectura civil deixan ver un estilo moi peculiar e senlleiro, difícil de atopar noutras localidades e concellos da contorna. Á marxe dos fornos onde desde hai séculos se prepara o prezado pan, tamén hai que salientar os hórreos, moi destacables polo seu estado de conservación e as súas características, así como varias pontes. Auténticas xoioas patrimoniais que fan de Cea un lugar de referencia na comarca do Carballiño.

A santuario e parque da Saleta, concorrida romaría e festa do pan de Cea
A santuario e parque da Saleta, concorrida romaría e festa do pan de Cea

A influencia do Camiño de Santiago

Como xa quedou constatado, a historia de Cea vai vencellada ao Camiño de Santiago, ao formar parte da coñecida como Vía da Prata, probablemente a variante máis importante das que veñen desde o Sur da Península Ibérica. Non hai que esquecer que esta Vía da Prata enlaza co Camiño Mozárabe, que parte desde Almería e cruza Andalucía de Leste a Oeste. Dáse a circunstancia, ademais, de que a Vía da Prata experimenta unha bifurcación ao chegar a Cea, cun ramal que vai por Oseira e outro que atravesa Piñor de Cea. Esta dobre vertente volve a unirse, xa en territorio de Dozón, ata continuar ata Santiago de Compostela.

Para poder prestar servizo aos numerosos peregrinos que pasan por Cea ao longo dos doce meses do ano, o concello conta cun albergue, que se empraza no núcleo da vila. Trátase dunha das zonas máis antigas da localidade ourensá, no que se congregan vivendas e inmobles levantados con pedra. O establecemento conta con todos os servizos e necesarios e leva máis dun cuarto de século operativo (foi inaugurado oficialmente en 1999). As dependencias que ocupa son as que no seu día formaban parte da coñecida como Casa das Netas, un edificio que se rehabilitou por completo para recibir ás persoas que percorren o Camiño de Santiago. Actualmente conta con máis de 40 prazas.

Tímpano románico da igrexa de Mandrás
Tímpano románico da igrexa de Mandrás
O Camiño Mozárabe pola Ponte Mandrás
O Camiño Mozárabe pola Ponte Mandrás
Hórreo con pombal en Biduido
Hórreo con pombal en Biduido

Deixa unha resposta