Javi Casal
En Galicia, o Entroido vívese con devoción. As máscaras e os disfraces cobran protagonismo no primeiro trimestre de 2025, con citas ineludibles nas catro provincias. Por riba de todas elas, destacan os Xenerais da Ulla, un gran espectáculo catalogado como Festa de Interese Turístico.
Preto de 30 parroquias de oito concellos aúnan esforzos para poñer en valor a tradición do Entroido Rural. A Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces impulsan, en colaboración co tecido local, este gran acontecemento na contorna da Ulla.
As orixes
A celebración dos Xenerais da Ulla é centenaria. As primeiras mencións datan do século XIX. Desde entón, os propios xenerais e os correo percorren as parroquias a cabalo, acompañados por comparsas e diferentes grupos de animación. O momento máis agardado chega cando comezan os ‘atranques’ ou ‘altos’, como se coñecen os divertidos enfrontamentos dialécticos, que fan referencia a temas de actualidade con retranca e ironía.

A implicación asociativa
Ademais do traballo dos Concellos, os Xenerais non poderían ser entendidos como tal sen o labor que desenvolven numerosas asociación locais. Lamela, que marca cada ano o inicio desta gran festa, e A Bandeira son dous exemplos que representan á perfección a esencia e a tradición deste acontecemento. Veciños e veciñas que traballan arreo durante meses para que o Entroido resulte inesquecible.
Na Bandeira, a asociación debe a súa implicación no Entroido ao mestre José Casal, do colexio Ramón de Valenzuela. Tal e como lembra a directiva, foi o creador dos grupos de rapazada que, no ano 2010, participaron na primeira edición do Alto Infantil da Bandeira.
Actividades
Son varias as actividades que forman parte desta festa en Silleda. Unha delas é a Fiollada do Venres de Entroido en Bandeira, unha xornada na que a xente da parroquia na que “imos polos bares, cunha charanga ou unha foliada degustando os pinchos de filloa con chourizo”, sinala a agrupación organizadora. Antigamente sacábase en procesión un tractor fiolleiro, que incluía unha cociña na que se preparaban os chourizos e se servían, cunha taza de viño, ás persoas participantes.
O sábado, día grande, saen os cabezudos á rúa. No serán, súmanse á festa as carrozas e comparsas. Organízase un concurso de disfraces en todas estas categorías, para, a continuación, celebrar tanto o Alto infantil como o dos maiores.
Escola de Xenerais da Bandeira
Formar parte desta celebración conleva un labor que se prolonga durante varias semanas. Os preparativo supoñen é un traballo titánico, que se inicia uns dous meses antes do Entroido. Na Bandeira, ademais, colle pulo a súa Escola de Xenerais , na que “todos os rapaces e rapazas poden aprender a dar o alto, así como fundamentos da rima, interpretación, comunicación, a variedade de tradicións e cuestións vencelladas á cultura gastronómica do Entroido”, sinala a directiva.
A maiores, a asociación trasdezá tamén está traballando para consolidar datas para a organización de obradoiros relacionados con este festa ancestral do Entroido. A súa intención é ofrecer talleres de elaboración dos cabezudos e dos sombreiros de xeneral, dous dos grandes símbolos desta celebración ancestral.