Daniel González Alén
O Concello de Lalín conta dende o pasado mes de marzo, cun moderno e funcional edificio polivalente e multiusos construído na céntrica rúa Manuel Rivero, ao abeiro do plan da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI). A obra fóralle adxudicada á empresa Ogmios, cun orzamento de 2 millóns de euros, financiados en parte polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
O novo edificio ocupa boa parte do soar que ficou baleiro, logo de que se derrubase o vello inmoble que hai anos acollía a Biblioteca Municipal e a “Hermandad Sindical de Labradores”, e parte dun edificio de vivendas, que en tempos estiveron destinadas aos mestres do Colexio Público Manuel Rivero, centro situado mesmo en fronte e tamén derrubado para outros usos municipais.
O inmoble polivalente conta cun volume principal que concentra a maior parte dos usos. Alberga unha ludoteca e recepción na planta baixa e na primeira unha sala de conferencias. No segundo andar atópase a área do Selo de Calidade e no terceiro, un espazo para reunións de asociacións e traballos cooperativos. Igualmente, o edificio conta cunha ampla terraza que constitúe un espazo diáfano que ofrece unha boa panorámica da vila de Lalín e a súa contorna, coa posibilidade de manterse aberta no verán e pechada no inverno. Cómpre subliñar a súa céntrica situación e a proximidade do aparcadoiro Europa, público e de balde, o que vai contribuír a que este predio polivalente sexa un polo de atracción para eventos e de xeración de moita actividade pública.
Xornada de portas abertas e inauguración
Para a inauguración, levada a cabo o pasado 7 de marzo, o Concello programou unha xornada de portas abertas, na que a veciñanza puido percorrer as instalacións e comprobar de primeira man a súa idoneidade para a celebración de actos sociais, culturais e recreativos. As instalacións pasaron con nota o exame do público, entre o que se atopaban moitos membros da Corporación Municipal, con representación do PP, PSOE e Compromiso por Lalín, e de diversos colectivos sociais, de xeito que o salón de actos quedou pequeno. O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou o bo uso dos fondos europeos que «chegan de maneira directa á xente» e animou á arquitecta encargada do proxecto, Marlene Pérez Sánchez de Donsión Proxectos S.L., a concorrer con esta obra a premios de arquitectura.
A directora xeral do Patrimonio, María del Carmen Martínez Ínsua, aproveitou a ocasión para felicitar ao Concello pola consecución deste «magnífico contedor sociocultural» e a tenente-alcalde, Paz Pérez, responsable da EDUSI, subliñou que esta obra revitalizaba unha zona con arraigo e vida nun céntrico punto da vila, dotando a Lalín, dun espazo novo que dará cabida a múltiples actividades. Tamén quixo agradecer o labor realizado polos traballadores municipais, os técnicos das consultoras que participaron na EDUSI e a empresa Ogmios, encargada da execución da obra «por unha realización exemplar».
A arquitecta Marlene Pérez aproveitou a súa intervención para explicar as liñas deste seu proxecto, que leva a eficiencia enerxética por bandeira e un deseño que rompe co que tiña o edificio anterior conseguindo maior espazo, utilidade e iluminación.
Pechou o acto o alcalde, José Crespo, lembrando que o financiamento da obra partiu do mandato 2015-2019 coa consecución dos fondos europeos que asinara o entón alcalde, Rafael Cuíña, felicitando tanto a Paz Pérez pola execución da maior parte da EDUSI en tempo e forma; ao arquitecto municipal, Hervé Fernández; a Marlene Pérez,«por un proxecto moi destacado, funcional e bonito» e á empresa Ogmios «pola súa profesionalidade e boa vontade na execución da obra».
Logo da inauguración, celebrouse xa unha reunión informativa cos pedáneos sobre a proposta de reparto de áreas parroquiais do municipio de Lalín, contempladas nunha Axenda Urbana que se pretende para mellorar o funcionamento dos servizos no rural. Na mesma xornada inaugural, comezou a funcionar o servizo Concilia para o período da Semana Santa, e para días posteriores, anunciáronse ciclos de conferencias, cursos de formación e exhibicións gastronómicas, entre outras actividades.