Nudesa
Nudesa, a empresa silledense de vangarda que desde os seus inicios, nos anos 70, loitou pola profesionalización do sector primario galego, neste completa un fito máis na súa historia coa apertura dunha nova fábrica.
Entrevistamos a Carlos Fondevila, o seu fundador e todo un visionario que se anticipou aos grandes retos da gandaría galega. Hoxe, con 75 anos, segue en activo e con moitos coñecementos que achegar.
Comecemos polo principio, como nace Nudesa?
Tiven a oportunidade de traballar desde moi novo no sector porcino. Con 20 anos xa xestionaba a miña propia granxa e traballaba nunha fábrica de pensos chamada Popesa, onde cheguei a ser xefe de vendas.Gustábame e íame ben. Aí xa asomaba o soño de crear a miña propia fábrica. Tiña unha visión moi clara, quería ofrecer penso de alta calidade a un bo prezo aos granxeiros da comarca. Pero faltábame o capital, así que me puxen en contacto cun grupo de gandeiros da zona e presenteilles a idea.
Ao final obtivo o financiamento necesario. Por que cre que confiaron en vostede?
Penso que me apoiaron porque tiña ilusión e as ideas claras. Sempre me pesou a responsabilidade de cara ao meu pai e aos socios que creron en min. Puxeron nas miñas mans os aforros de toda unha vida. Se a fábrica non ía ben podía arruinar a moitas familias. As miñas máximas preocupacións sempre foron: dar o mellor aos nosos clientes, para axudarlles a medrar, e defender o capital dos socios.
De onde lle vén ese espírito tan emprendedor?
De familia, meu pai tiña unha granxa de porcos e miña nai desde moi nova preparouse para ser costureira e despois montou o seu propio taller en Silleda. Sempre me inculcaron os valores de esforzo e dedicación ao traballo.
Cales foron as principais trabas que atoparon ata que aquela primeira fábrica botou a andar?
Os inicios de calquera empresa nunca son doados. Moitos bancos nos pecharon as portas. Víannos moi novos. Pero sempre atopas outras portas que se abren. Quizais a empresa que hoxe coñecemos non sería tal se non fose por Tuno Valdés, director do Banco Bilbao de Lalín naquel momento, que creu na idea e apostou por nós incondicionalmente.
Cales foron as claves para que o negocio crecese?
Penso que a visión estratéxica e de futuro, xunto á capacidade de xestión, fixeron que en poucos anos a fábrica comezase a producir cada vez máis penso con maior rendibilidade. Tamén é clave rodearte de xente que cre no proxecto e se implica ao máximo. Como José Souto quen, ao pouco de comezar na empresa, se converteu na miña man dereita. Segue sendo o xefe de administración e finanzas.
Esa primeira fábrica fundouse en Lalín en 1977, pero nos 90 trasládanse a Silleda, por que?
A fábrica quedárase pequena en capacidade. Así que no 93 abrimos a fábrica en Silleda, coa que seguimos operando hoxe, unha fábrica que produce 26.000 toneladas de penso ao mes.
Vostede é pioneiro en establecer o sistema de granxas integradas en Galicia, en que consiste este sistema e por que decide implementalo?
As integracións son instalacións propiedade dun gandeiro nas que Nudesa achega o gando porcino, o penso e servizos de dirección técnica e nutrición, veterinarios e control hixiénico-sanitario das instalacións. O sistema de granxas integradas xa se facía en Cataluña e pensei que se adaptaría moi ben á realidade galega. Contribúe ao desenvolvemento de zonas rurais e axuda aos gandeiros a profesionalizarse. A día de hoxe contamos con 5 granxas propias de nais e máis de 140 granxas integradas.
Cal diría que é o maior activo de Nudesa?
Sen ningunha dúbida, o maior activo son os nosos traballadores. A maioría desenvolvéronse profesionalmente aquí e son parte fundamental do crecemento da empresa. Aínda hoxe mantemos a esencia dunha empresa familiar. Os fillos de moitos dos nosos primeiros empregados traballan na actualidade connosco.
Cantos postos de traballo crea Nudesa?
Na actualidade contamos con 120 persoas en nómina e moitos máis postos de traballo que creamos de forma indirecta, non sabería dicir a cifra exacta. Isto para nós é un grande orgullo e tamén unha gran responsabilidade.
Como ve o futuro da empresa?
O futuro é complexo, enfrontámonos a un sector en constante cambio e con normativas cada vez máis esixentes. Pero tamén o vexo con optimismo. En Nudesa hai relevo xeracional, como, por exemplo, nas miñas irmás e fillas que xa levan un tempo traballando aquí. Para min é unha honra compartir con elas ese soño que un día tiven. Eu sempre lles transmitín a importancia do traballo duro e a gran responsabilidade que supón que esta empresa signifique tanto para tantas familias. Así que a miña esperanza agora é que elas continúen co meu legado.
A recén inaugurada fábrica de Nudesa abre as portas a novos mercados e produtos
Cun deseño de vangarda e as máis avanzadas tecnoloxías, a nova fábrica inicia a súa actividade coa vocación de seguir ofrecendo a máxima calidade e seguridade alimentaria nos seus produtos.
Un claro exemplo disto son as innovacións en pensos medicamentosos que incorpora. O seu obxectivo é facilitar a cero contaminación cruzada, un procedemento que xa está asegurado na fábrica antiga, pero que agora se simplifica.
Outra das grandes vantaxes das instalacións é a súa completa dixitalización e automatización, desde a recepción da materia prima ata a carga do penso nos camións. O resultado son uns procesos máis precisos e eficientes enerxeticamente.
Porén, a importancia da nova fábrica non só radica no aumento da capacidade de produción de Nudesa, senón tamén na potenciación do seu departamento de I+D, que disporá de instalacións de última xeración axeitadas para investigar e desenvolver pensos innovadores e tecnoloxicamente mellorados que dean resposta ás actuais demandas do sector.
Ademais, a nova fábrica recibiu un recoñecemento internacional, o prestixioso premio Steel Lion Award 2022. Trátase dun galardón polo proxecto de enxeñaría estrutural da nave almacén que dá conta do gran traballo levado a cabo polos enxeñeiros Marcos Fuentes de Nudesa e Gabriel Colson de Calmesa Estructuras, responsables da redacción e deseño do proxecto respectivamente.
Situada no polígono industrial de Silleda, a nova fábrica demostra a firme aposta de Nudesa por revitalizar e dinamizar o sector primario e industrial da comarca do Deza. En definitiva, unha aposta que mira ao futuro na procura de novos mercados e na ampliación da carteira de produtos.