Javi Casal
Non hai ningunha dúbida de que na actualidade o fútbol segue a ser o deporte rei na nosa sociedade. Un vivo exemplo da importancia desta modalidade pódese comprobar na Escola de Fútbol Silleda, así como na canteira da Sociedade Deportiva Bandeira. O labor que desenvolven tanto o Concello como o club en materia de formación e transmisión de valores entre as crianzas queda patente na boa saúde da que gozan as súas canteiras, con centos de rapaces e rapazas de todas as idades, repartidos nun gran número de equipas.
A paixón e o tirón polo fútbol na vila fai que o municipio, que non chega aos 10.000 habitantes, conte con catro terreos de xogo. Ademais das instalacións do campo municipal de Outeiriño-Joselu Mato, tamén está o da Gandareira da Bandeira, o de Mularedos, en Lamela, e o de Agronovo, en Laro. Estes dous últimos son de herba natural. O mantemento supón un importante esforzo para o Concello, que tamén conta coa colaboración dos clubs, así como da Deputación de Pontevedra.
Unha traxectoria consolidada
Son xa 14 os anos que leva operativa a Escola de Fútbol de Silleda, tal e como explica o seu presidente, Sem Rodríguez Tallón. A día de hoxe, a EF conta cun total de 172 fichas, ás que hai que engadir 13 adestradores e 10 delegados. A meirande parte dos mozos e mozas da súa canteira son naturais de Silleda, pero tamén hai rapazada que provén doutras localidades da bisbarra, como pode ser Agolada ou Lalín. Ademais, entre os e as súas integrantes pódense atopar crianzas de diferentes nacionalidades, de países coma Romanía, Vietnam ou Venezuela.
Dende hai dúas tempadas a EF Silleda conta con equipa feminina, que se suma ás de Biberóns, dous de Prebenxamíns, tres Benxamíns, e un Alevín, Infantil, Cadete e Xuvenil. A entidade ten un acordo de filialidade coa Sociedade Deportiva Silleda, o que permite que os rapaces de categoría xuvenil adestren e teñan a opción de competir cos sénior da propia SD. “O feito de poder xogar coa primeira equipa do pobo sempre supón unha motivación para os rapaces”, explica Sem Rodríguez.
Símbolo da Bandeira
E se a EF Silleda xa conta cunha bagaxe importante no que a formación e traballo de canteira se refire, neste eido tamén brila con luz propia a SD Bandeira, un club que foi fundado oficialmente en 1989, pero que xa anteriormente contaba con actividade. A actual directiva destaca como gran precursor a Miguel de Remigio, a persoa que, de xeito totalmente altruísta, levaba aos nenos a xogar ao fútbol a outras parroquias.
Ao longo das décadas posteriores á súa fundación, a SD Bandeira foi consolidando cada vez máis o seu proxecto deportivo. A día de hoxe conta con 82 fichas de base, repartidas nas equipas de Biberóns, Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil e Feminino F8. A estes planteis hai que engadir os dous de Veteráns e os sénior Masculino e Feminino.
De Silleda á elite
A difusión e transmisión de valores como o compañeirismo e o traballo en equipa, así como fomentar os hábitos saudables entre os máis cativos e cativas, son dous dos piares da filosofía das escolas de fútbol de Silleda. O bo facer destas entidades convérteas, asemade, nunha factoría de promesas que, en moitas ocasións, acaban por consolidar unha carreira futbolística máis que notable. O máximo expoñente desta evolución é, sen lugar a dúbidas, Joselu Mato, gran referente para toda a comarca do Deza. Logo dunha ampla traxectoria en varios clubs de Primeira División, o que lle valeu tamén para xogar coa Selección Española en varias ocasións, Joselu está a completar unha gran tempada no Real Madrid, sendo un dos seus máximos goleadores.
Actualmente, outra perla silledense tamén está a despuntar no Castilla, equipo filial do Real Madrid que compite en Primeira Federación. Trátase de Noel López de la Fuente. A súa formación, sendo moi cativo, comezou na EF Silleda, pasando posteriormente á canteira do RC Deportivo, en cuxo primeiro equipo chegou a debutar, con apenas 18 anos. Ademais, tamén foi internacional coa Selección Sub-19. No plantel xuvenil deportivista Noel coincidiu con outro dos grandes embaixadores do fútbol local, como é Rubén López Durán. Nado en 2004, o mozo, natural da parroquia de Lamela, xa debutou tamén co primeiro equipo do Deportivo. Máis alá de Galicia, despunta Ioan Roberto Precup, no filial do Vilarreal, o CD Roda, e que xa foi convocado pola Selección Española sub-15.
Auxe do fútbol feminino
En canto ao fútbol feminino, Azucena Fidalgo e Saleta Pérez tamén son o vivo exemplo do crecemento deste deporte nesta categoría. A vila conta na actualidade con catro equipas femininas. Tal e como lembra a alcaldesa, Paula Fernández, o municipio acolleu o ano pasado o Campionato Galego de Seleccións Comarcais, algo que “non é casualidade, senón que demostra que as cousas estanse a facer ben”. A rexedora silledense sinala que “é unha gran satisfacción ver a tantos nenos, e cada vez tamén a máis nenas, xogar ao fútbol”, conclúe Fernández.