Sendeirismo da Estrada: a ruta da fervenza de Callobre

Daniel González Alén

Dende hai uns anos, o Concello da Estrada ten sinalizada unha ruta circular que leva o nome da Fervenza de Callobre, por ter o seu comezo nesta freixa natural que forma o río de Curantes, tributario do Liñares -que a súa vez é do Ulla-, o cal, neste lugar, fai de lindeiro entre as parroquias de Callobre e Cereixo. Neste enclave de ribeira ao que é doado chegar en vehículos pola estrada N-640, na que se pode ollar un indicador e un camiño que vai ao pé do castro de Callobre -que tamén merece unha detida visita- e continúa en baixada ata o río, por aquí rápido, chimpándose en saltos, movendo en tempos muíños, serradoiros e batáns, aos que se chega por pontellas e pasais, enmarcado todo pola frondosa vexetación de ribeira na que predominan os arbustos e as árbores autóctonas.

A fervenza de Callobre en terras da Estrada

Malia esta axeitada sinalización e ben coidada ruta, son poucos, polo que agora, os visitantes que chegan a este ben natural e patrimonial, de indubidable interese turístico e de lecer. Percorrer esta ruta circular da Fervenza de Callobre, é doado para camiñantes e mesmo familias con rapaces, aínda que cómpre tomar as debidas precaucións polas pendentes e precipicios que o propio regato foi escavando entre os penedos dende séculos atrás.

O castro prehistórico que atopamos ao principiar a ruta, libre de mato e ben conservado, mostra a súa coroa, murallas e terrapléns e a coñecida de vello coma Cova dos Mouros, agora medio derrubada, con lenda de mouros, tesouros e encantamentos. Logo, unha ponte de madeira serve para atravesar o regato que na invernía leva abundante caudal, para ir ata os muíños, o serradoiro e o batán, que aquí funcionaron ata hai catro décadas e aínda se pode ollar o que deles fica.

Unha orixinal pontella de táboas, construída sobre o tronco dunha árbore en tempos recentes, leva ata a fervenza que lle dá nome á ruta. É unha caída de auga duns 10 metros de altura, que labra un grande penedal de pedra de granito para caer con forza no chamado Pozo dos Mouros, sobre o que a tradición oral ten tecidas fabulosas lendas. O cachón é imposible de retratar en todo o seu esplendor, e máis aínda en época de chuvias, pero pode ollarse ben, dende o miradoiro de madeira, que se instalou na parte superior e de alí facer algunhas fotos ou tan só gozar do espectáculo que a natureza ofrece aos poucos que se achegan.

A orixinal pontella sobre o río Curantes

Logo da fervenza, a ruta fluvial continúa cun percorrido de 3,7 quilómetros pola ribeira do río, onde se poden ollar máis muíños, canles e pontellas, segundo ofrecen con detalle diferentes guías e páxinas da internet como https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/castro-e-fervenza-de-callobre-34114124.

Na mesma xornada -se quedan forzas- ou noutra, paga a pena percorrer a Ruta das Eléctricas seguindo o álveo do río Liñares, que recolle as augas deste de Curantes. No Liñares ten a vila da Estrada a súa praia fluvial, e augas abaixo, bulindo entre saltos e pontellas polas parroquias de Aguións e Paradela, movía en tempos antigas e novas centrais eléctricas, muíños e batáns, que agora se poden ver nesta ruta que sinalizou e acondicionou o Concello da Estrada.

O río movía en tempos muíños e serras.

Deixa unha resposta