A Lonxa de Silleda, un repaso pola súa historia ata o presente

Noelia Cortizo Salgueiro

A lonxa de Silleda, actualmente denominada Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, ten un recoñecido prestixio no sector agrario e gandeiro. É unha cita marcada a nivel galego, e porque non, tamén estatal. Pero a súa historia remóntase a hai moitos anos e a implicación de numerosas persoas que foron as visionarias para asentala en Silleda. O Concello tivo un papel fundamental no establecemento da lonxa, xa que nas primeiras poxas facilitou espazos para poder asentar as oficinas nas que se facían os trámites. Así mesmo, que a feira se asentase nesta vila era unha mostra da visión que tiveron para potenciala e fomentala.

Para analizar o seu pasado falamos con José Ramón Castro Frade, escritor e membro do equipo fundacional, quen tamén estivo na primeira feira de exposicións, xerme para xestar a Asociación Feiral na que exerceu diversos cargos. Tamén falamos co actual coordinador da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, Julio Pérez.

Os primeiros anos dos que constan datos de poxas feitas no Concello é o 1981. Segundo explican, primeiramente facíase o que se consideraba unha poxa informativa. “A xente vía os animais, dábase un prezo de referencia e logo o vendedor visitaba o comprador para facer todos os trámites precisos naquela época para a venda”, explica Julio. Este sistema xeraba moitos problemas entre compradores e vendedores, entón chegou o primeiro programa informático á lonxa en 1993, onde xa dende a organización da lonxa realizaban todo o necesario para a transacción. A dixitalización tamén se deixou notar, como era de esperar, e hoxe en día conta cun sistema totalmente informatizado para levar o control dos animais que pasan polo recinto feiral. “É un xeito automático de ter todo baixo control e poder facer unha xestión moito máis eficaz”, indica.

Innovación

Segundo lembran ambos integrantes da feira, a cita tamén era un encontro para que as persoas do sector se puidesen poñer ao día nas innovacións e melloras que estaban a facer. “Falaban de como traballaba cada un, das cousas que vían e aprendían nas súas zonas e era un xeito de compartir coñecementos e ambicións”, destaca José Ramón. Engade que desta lonxa naceron moitas empresas de renome do interior de Galicia. “Persoas que formaron parte das mesas de prezos anticipáronse e viron negocio nalgúns eidos coma o porcino ou o coello e asentaron as súas empresas”, explica José Ramón. O escritor lamenta que falta algo de apoio para potenciar máis a feira. “Hai centros coma Salamanca e Torrelavega (vacuno) ou Lorca, Reus ou Bellpuig (porcino) que son relevantes polos seus mercados. En Galicia déronse pasos importantes con outros produtos agrarios, pero faltaría máis apoio para o gandeiro”, incide. Actualmente Silleda é un punto clave e un referente en Galicia, pero faltaría máis visibilidade.

Lonxa, sala de subastas (2018)

A Lonxa en cifras

A cita empezou sendo nas feiras tradicionais da vila, pero dende hai décadas xa se celebra todos os martes do mes. Este evento sempre tivo un carácter comarcal ou da Galicia Central, empezou abranxendo o mercado de Lalín, A Estrada e Vila de Cruces, ademais do de Silleda, e foise incrementando ás demais provincias. Actualmente, a procedencia dos animais é de múltiples municipios e a saída dos mesmos tamén.

Comezou con animais de recría, nun primeiro momento as vacas adultas non tiñan éxito. Eran mercados cunha media de 200-300 cabezas de gando. A partir de 1993 xa se engadiron novas modalidades e empezaron coa poxa de vacas adultas. “Cando tivemos unhas instalacións decentes, tamén empezamos a pensar en animais carniceiros, é dicir, aqueles que fosen directamente comprados para venda. Empezamos con poucos, uns 20 ou 30, pero hoxe en día xa supoñen unha cifra relevante nas cabezas de gando que forman parte da lonxa”, comenta Julio. Así mesmo, moitos transportistas aproveitaban a viaxe para trasladar animais, por iso tamén habilitaron outra liña que é de tránsito, é dicir, animais que teñen que ser rexistrados na entrada da feira, pero que non son poxados. En definitiva, teñen a poxa de recría, carniceiros e mercado de tránsito. Todos eles forman parte do rexistro anual das cabezas de gando da lonxa.

En cifras, Julio pon de exemplo o ano 2023, cando se moveu un volume de gando de 50.610 cabezas, das cales 30.921 eran recría, 13.657 vacún maior e 6.032 carniceiros. Todo isto xerou unhas transaccións anuais por valor de 33.728.228 euros. Unha cifra de facturación que é “ a máis alta na historia da Central”, segundo destaca o coordinador. Cabe puntualizar que dende o 2017, período no que o sector pasou de estar  en auxe a experimentar unha baixada, máis coa chegada da pandemia, tanto as cifras de 2022 como as do ano pasado, comenzan a reflectir números propios dos bos anos da gandería.