Blanca Paz Muíños (texto e Fotos)
A Asociación Feiral Semana Verde de Galicia acubillou un ano máis na Feira Internacional Abanca Semana Verde propostas de produtores e produtoras galegas que, dende o seu posto tiveron presenza nunha edición, a número 45, a cal visitaron máis de 102.600 persoas, segundo a organización
Alimentación e cosmética centraron as propostas que elixiron levar da man da Asociación arredor dunha vintena de marcas de proximidade, con produtos que poden mercarse na tenda da entidade feiral durante todo o ano.
ACEIROGA. Esta empresa, con sede no municipio lucense de Quiroga, ofreceu a proba do seu aceite de oliva virxe extra ‘Excelencia’, elaborado co mellor froito das súas centenarias oliveiras, pero tamén de novas plantacións. As súas olivas proveñen unicamente do seu propio oliveiral, son seleccionadas no punto óptimo da maduración que lle outorga o clima do val do Sil e procesadas coa última tecnoloxía para garantir o rápido procesamento dende a árbore ata a molturación. O aceite é transvasado a depósitos de aceiro inoxidable, onde se mantén a unha temperatura constante, e envasado só en función da demanda.
ALMA MEIGA. As comarcas ourensáns de Valdeorras e O Ribeiro dan o froito co que se elabora o aceite Alma Meiga, que repetiu presenza no ‘stand’ da Asociación un ano máis. Dende Castrelo de Miño, acudiu coas súas características botellas: a amarela co cuño estampado de ‘O noso aceite’ e a edición premium ‘Coupage de Autor’, opaca para protexerse da luz e conservar tódalas propiedades organolépticas. É un aceite virxe extra de extracción en frío, con prensado o mesmo día da súa recolección, das variedades autóctonas Brava e Mansa galegas e Arbequina, dando lugar a un produto fresco e aromático amendoado e afroitado, extraído de colleita propia.
TERRAS GIGURRAS. Quiroga e Valdeorras tamén son berce do produto do selo Terras Gigurras, con presenza por primeira vez no posto da Asociación Feiral a pasada edición da Semana Verde. A novidosa iniciativa que presentou esta marca en Silleda abrangue dende o Aceite de Oliva Virxe Extra Terras Gigurras, elaborado a base das variedades Mansa e Brava cultivadas no citado municipio lucense, pasando polo AOVE Finca Trasdeirelas, feito con olivas dunha pequena parcela de Valdeorras, ata produtos de cosmética. Precisamente, combinado con mel, Terras Gigurras elabora dous produtos para o coidado dos beizos: un protector e un aceite en formato barra para máis comodidade na aplicación.
AIALMA. O mel de montaña Aialma foi outra das novidades no espazo do colectivo feiral: unha explosión de sabor proveniente das terras ourensás de Laza. No pequeno lugar de Souteliño unha familia dedicada á apicultura demostra que é posible vivir no rural e do rural, creando produtos saudables, sostibles e respectuosos coa contorna. Ao estar os seus apiarios en soutos e bosques autóctonos, cada tempada recolecta mel monofloral de castiñeiro e de flores silvestres, e monofloral de silva. O seu bo facer é recoñecido a través de varios premios, o último deles, o Ouro á Calidade para Mel Multifloral no certame London Honey Awards.
MEL PÁJARO. Un habitual no ‘stand’ da Asociación é Mel Pájaro. Especializada en mel multifloral, nomeadamente de castiñeiro, carpaza e silva, esta empresa familiar lalinense conta con 410 colmeas repartidas por varios puntos do concello dezao e tamén doutros limítrofes como Dozón. Na última campaña recolleu arredor de 3.000 quilos, unha produción similar ao ano anterior, o que lle dá oportunidade de atender a demanda de fieis clientes e doutros novos, con envío a toda Galicia, así coma outros puntos do territorio español, como País Vasco ou Andalucía. Os seus formatos son de 1 quilo, 500 gramos e un bote antigoteo de 350 gramos.
CONFITERÍA TÁBORA. Outro clásico que acode á feira da man da Asociación é a Confitería Tábora, cos seus melindres, que son xa un emblema de Silleda. Dende as rosquillas artesás de xema que se presentan na tradicional caixa de cor azul ata outros sabores incorporados, con castaña ou améndoa, estes doces preservan a súa orixe e manteñen a súa calidade e sabor durante tempo grazas aos sistemas de conservación implementados. A firma elabora tamén galletas de manteiga (denominadas Galeguiñas Mantecadas) e outros produtos típicos de docería como bicas, pasteis ou tortas, dando continuidade a unha tradición familiar dende 1870.
TORTA DE SARRIA. Seguindo con doces da terra, Torta de Sarria recalou por vez primeira no posto da Asociación Feiral a pasada edición do certame. Esta empresa lucense botou a andar en 2015 para ofrecer repostería caseira e saudable, con ingredientes de primeira, sen conservantes e utilizando materia prima de produtores da zona, bebendo sempre de receitas tradicionais e familiares. En 2022 obtivo o selo de calidade Artesanía Alimentaria. Na Semana Verde foron degustadas a súa Torta de Améndoas e Castaña ‘Val de Sarria’ e os seus amendoados, aínda que a firma elabora tamén cocadas, galletas, pastas e outros doces.
XACOBLEAS. Bocados apetecibles, un ano máis, foron os doces de Xacobleas, firma con sede no viveiro de empresas do termo pontevedrés de Barro que repetiu no certame cos seus distintos estoxos e ‘packs’ coas obleas de trigo clásicas, de coco, de café ou de canela e xenxibre bañadas con distintos tipos de chocolate: con leite e cacahuete caramelizado, negro e perlas salgadas, con caramelo e dados de mazá, branco e framboesa. Un auténtico regalo para os sentidos, como reza o seu lema, elaborado con ingredientes de primeira calidade e de forma artesanal e convertido nun dos productos máis reclamados.
TÉ PAZO QUINTEIRO DA CRUZ. Non só pola variedade das súas camelias e polo viño albariño da súa adega é coñecido este enclave de Ribadumia, en pleno val do Salnés, senón tamén, polo seu té, infusión extraída da citada flor dun xeito totalmente artesanal, orgánico e ecolóxico. Esta empresa familiar comercializa: ‘Té de namorar’, ‘Té para o benestar’, ‘Té para descansar’, ‘Té de camiñar’ e ‘Té verde’, ademais dun ‘Floral de Camelias Especiado. O seu Xardín do Té foi, en 2008, a primeira plantación de té en España, baseado na permacultura e a economía circular, e con colleitas que se prolongan dende finais de marzo a principios de outubro.
PORTO MUÍÑOS. Ao igual que a firma anterior, Porto Muíños expuxo por primeira vez no posto da Asociación a pasada edición da feira, cunhas latas de mexilóns con algas en escabeche branco que causaron sensación. Non quedou atrás o seu chimichurri de algas de produción ecolóxica envasado en bote de cristal e ideal para consumir simplemente como salsa, ou en tartar ou pesto. Esta empresa con sede en Cerceda cunha variada gama de produtos coas verduras de mar como ingrediente base, como algas deshidratadas, en salgadura, en conserva, en po, agar agar, ensalada de algas, codium liofilizado, pasta con algas e combinadas con moluscos varios ou cogomelos.
SHIITAKE DE TRIVES. Os cogomelos, concretamente os cultivados no macizo central ourensán, son o ingrediente estrela de Shiitake de Trives, que repetiu, por segundo ano consecutivo, no recuncho da Asociación. Shiitake en po, ao natural, en confitura ou en paté foron as propostas desta firma da Pobra de Trives na pasada feira. As súa produción, que tamén inclúe cogomelos en fresco, está certificada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica. A variedade que produce esta firma é a que contén a maior achega de fibra de tódolos cogomelos cultivados e é unha boa aliada para eliminar graxas e colesterol no intestino.
MARETERRA. A combinación entrambos medios segue reportándolle éxitos á firma de Esgos (Ourense) Mareterra, que volveu triunfar no posto da Asociación a pasada feira coa súa variedade de patés artesanais. Ás xa clásicas coñecidas polo público da Semana Verde sumáronse outras receitas, coma a de crema de piquillo confitado, a de sardiñas con pementón ou a de chipiróns na súa tinta, novidades que espertaron o interese dos padais máis desexosos de novos sabores e sensacións. Outas das propostas lanzadas ao mercado son os seus caracois en salmoira, o polbo cocido con patacas, o chipirón recheo ou os grelos ao natural.
AVIPOR SILLEDA. Un clásico que acode sempre á feira trasdezá da man da Asociación é a empresa familiar Avipor Silleda, promocionando os seus ovos de galiñas campeiras así coma os das criadas en gaiolas. Fundada a finais da década dos sesenta, a firma conta con granxas de galiñas, pero tamén de porcos, sendo xa un referente no sector en Galicia e con relevo xeracional garantido.
BARBUDOS. Outra das novidades no posto da Asociación chegou dende Vilamartín de Valdeorras da man dos licores de Barbudos Sociedade Cooperativa Galega: de café clásico, picante ou descafeinado, de herbas, de limón, de laranxa ou de cereixa. Variedade para tódolos gustos elaboradas de xeito artesanal seguindo as receitas tradicionais da zona e comercializados en botellas de 70 ou 25 centilitros.
Outros produtores e produtoras tiveron tamén cabida no posto da Asociación Feiral, aínda que non en exclusividade, participando igualmente noutras áreas do Salón de Alimentación (Salimat). É o caso da CERVEXA TOUPIÑA, de Lalín, a primeira ecolóxica de Galicia elaborada coas mellores maltes e lúpulos. Tostada, estilo Belgian Dubbel e de trigo, estilo Witbier, e as especiais 2018 (Blonde Ale) e 2019 (American Pale Ale) son as súas propostas.
A Asociación tamén colaborou na feira con GALLEGAS DE NATA e os seus doces, elaborados por unha empresa familiar de A Coruña seguindo a receita tradicional da avoa, pero substituíndo os ingredientes habituais por outros exclusivamente ecolóxicos. Continuando con galletas, neste caso salgadas, non faltaron tampouco as habituais GALLETAS MARIÑEIRAS Daveiga nos seus formatos de ‘snack’ natural de pemento, cebola e tomate, allo e pirixel ou tomate e ourego, ideais para comer sós ou acompañados. Na exposición da Asociación houbo oco, un ano máis, para a firma estradense PEROJA, co seu vinagre de sidra natural cru sen filtrar nin pasteurizar e a súa sidra natural ecolóxica, elaborados na súa totalidade con mazá de colleita propia.
Por outra parte, a Asociación Feiral continuou colaborando na pasada feira con COGAMI, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, expoñendo no seu ‘stand’ diferentes manufacturas realizadas polos seus usuarios e usuarias. Xa que logo, tamén promocionou os museos cos que colabora a través de descontos especiais aos socios e socias: Casa do Patrón, Museo do Campo e a Mecanización, O Enredo do Abelleiro e Museo do Ferrocarril de Galicia.